Aena leva ao Supremo a Textil Lonia polos alugueiros das súas tendas en Barajas.
O Tribunal Supremo admite un recurso de casación do operador aeroportuario nunha causa contra a multinacional galega que comercializa as marcas Carolina Herrera e Purificación García que ten a súa orixe no impago da renda dos locais en 2020, cando estiveron pechados tras decretarse o estado de alarma pola pandemia.
Arquivo – Establecemento de Carolina Herrera no aeroporto de El Prat en Barcelona.
A loita de Aena con Textil Lonia polos alugueiros dos locais comerciais nos seus aeroportos chega ao Supremo. O Alto Tribunal admitiu o recurso de casación presentado polo xestor aeroportuario nunha causa contra a multinacional galega que explota as marcas Carolina Herrera e Purificación García que se circunscribe aos establecementos do aeroporto Adolfo Suárez-Madrid Barajas.
A batalla legal remóntase a xuño de 2022 cando o Xulgado de primeira instancia número 70 de Madrid desestimou a demanda interposta por Aena contra a sociedade que fundaron Jesús, Francisco e Josefina Domínguez, irmáns do deseñador ourensán Adolfo Domínguez. Reclamaba as rendas non pagadas de varios locais situados na T4 do aeroporto madrileño, cuxo contrato de arrendamento concluíu en abril de 2021, agás o dun deles, que no momento da resolución continuaba en vigor.
As cantidades impagadas son as correspondentes ao exercicio de 2020 cando, tras decretarse o estado de alarma pola pandemia, os establecementos tiveron que estar pechados durante meses sen que puidesen xerar beneficios, ata que o Goberno permitiu a súa reapertura.
Naquela demanda Aena reclamaba a Textil Lonia case 908.000 euros. Deste total, uns 779.000 euros correspondíanse coas rendas non abonadas; 6.560, polos intereses; outros 117.000 en concepto de penalización; e máis de 5.500 polos subministros e impostos non abonados, cos intereses de demora engadidos.
A data na que se extinguiron os contratos é clave. O xuíz de primeira instancia absolveu a Textil Lonia ao entender que é de aplicación a disposición final sétima da Lei 13/2021, que contempla medidas para paliar as consecuencias da Covid-19. Unha delas é a de anular a renda mínima garantida nos contratos entre o 15 de marzo e o 20 de xuño de 2020, e establece un novo cálculo a partir dese momento para rebaixar a renda mínima de maneira proporcional á merma do tráfico aéreo na rede de Aena nese exercicio e nos posteriores, ata que se recuperen os niveis de 2019.
O maxistrado recolle na sentenza que os contratos de arrendamentos contaban cunha cláusula na que se establecía un sistema combinado cunha renda variable en proporción ao volume neto mensual de vendas no local arrendado, así como dunha renda mínima anual garantida a percibir por Aena. Segundo a resolución “esa disposición adicional sétima resulta de aplicación para Aena e aplicouna á renda mínima anual garantida do ano 2021, segundo as facturas presentadas pola demandada”. En todo caso, considera que a norma é aplicable “mentres non sexa derrogada ou declarada inconstitucional”.
Da Audiencia Provincial de Madrid ao Tribunal Supremo
Aena interpuxo ante a Audiencia Provincial Civil de Madrid un recurso de apelación contra a sentenza de primeira instancia no que, entre outros aspectos, insistía na “procedencia dos pagos reclamados” na demanda e solicitaba ao tribunal que plantexase unha cuestión de inconstitucionalidade sobre a mencionada disposición adicional sétima da lei 13/2021, algo que o tribunal descartou ao non apreciar que a norma “teña visos de inconstitucionalidade”.
Todas as pretensións do recurso foron tumbadas, agás a imposición de custas do xuíz de primeira instancia, que o órgano colexiado madrileño revoga nunha sentenza de abril do 2023.
O operador aeroportuario presentou un recurso de casación ante a Sala de lo Civil do Supremo contra a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid no que alegaba a falta de xurisdición dos tribunais civís para coñecer do caso. A orixe deste argumento atópase noutra batalla xudicial, moi similar á de Lonia, que Aena libró en solo galego.
Trátase do litixio con Airfoods Restauración y Catering S.L, cadea de restaurantes con varios locais no aeroporto Santiago-Rosalía de Castro. O motivo é o mesmo, o impago de rendas como consecuencia do estalido da pandemia, e o percorrido xudicial, repítese: o xulgado de primeira instancia dá a razón á arrendadora e Aena presenta un recurso de apelación que a Audiencia Provincial da Coruña desestima.
Igual que na causa contra Lonia, acode ao Supremo con un recurso extraordinario por infracción procesal e outro de casación. Nesta ocasión o Alto Tribunal entendeu que “podería existir incompetencia da xurisdición civil, por exercitarse na demanda unha acción relativa a reequilibrio contractual dunha concesión administrativa, cuxo coñecemento corresponde á xurisdición contencioso-administrativa”.
Por este motivo acordou oír ás partes e ao Ministerio Fiscal, que acabou concluíndo que o “coñecemento do asunto corresponde á xurisdición contencioso-administrativa”. O Supremo declarou entón a “incompetencia da xurisdición civil” para o coñecemento da demanda interpuesta e a “nulidade de todas as actuacións desde a súa admisión a trámite”.
En base a esta xurisprudencia, o Supremo emitiu un auto o pasado 12 de novembro no que admite o recurso de casación do operador aeroportuario na causa contra Textil Lonia, previsiblemente, para conseguir neste caso tamén a nulidade de todas as actuacións desde a presentación da demanda.