Actualizado
BorgWarner, provedor de Stellantis, Renault ou VW: “A creatividade é só o comezo, innovar require moita disciplina”
O vicepresidente de Enxeñería da compañía con planta en Vigo, Carlos Castaño, explica a importancia da innovación nun grupo especializado en motores e transmisións que se atopou co reto da electrificación: "Tivemos que evolucionar o portafolio a un totalmente diferente".

Doris Gomes, directora de Innovación y Adopción Cloud de Microsoft; Yago Campos, director de Innovación de Hijos de Rivera; Ana Penas, Innovation Manager de Kaleido; y Carlos Castaño, vicepresidente de Ingeniería de Borgwarner, en una mesa de diálogo moderada por Isaac Rosón, responsable del área de Innovación del Igape, durante el I Gran Foro de Innovación y Emprendimiento organizado por APD en Santiago / APD
De startups a grandes empresas. O I Gran Foro de Innovación e Emprendemento organizado por APD e a Xunta xuntou en Santiago aos distintos nodos do ecosistema innovador de Galicia, fundamental para a competitividade económica, pois é o que permite pensar, desenvolver e materializar novos proxectos. A xornada, que arrincou cunha chamada da conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, á colaboración entre empresas e administración, transitou por cada unha das estacións da cadea innovadora, desde a colaboración entre empresas como Finsa e Arraigo na construción de casas de madeira; ao impacto no territorio de iniciativas como Aldealista, gañadora da Impact Social Cup, un dos principais recoñecementos en España á xeración de impacto positivo.
O evento, claro, tamén contou coa participación de grandes empresas. Entre elas, Borgwarner, un histórico provedor da automoción con plantas en Vigo, O Porriño e Nigrán. O vicepresidente de Enxeñaría da empresa, Carlos Castaño, participou nunha mesa de diálogo moderada por Isaac Rosón, director da área de Innovación do Igape. “Innovar require moitísima disciplina. Ás veces confúndese con inventar, crear, pero iso é só o principio. Require dunha gran disciplina na execución. É un 10% de invención e dun 90% de transpiración, de suar a camiseta”, dixo o directivo.
Castaño sabe da importancia desta área. Pertence a un grupo que historicamente se especializara en motores e transmisións e que se atopou co advenimento do coche eléctrico, nunha transición que está xerando enormes problemas no sector. “Todo este proceso de transformación ao sistema de propulsión eléctrico é un súper reto. Fíxonos evolucionar o portafolio a un totalmente diferente, e iso fáisese a base de innovar. Non é un camiño fácil”, advertiu desde unha compañía que traballa cos grandes da automoción, como Stellantis, Renault, Iveco, Ford ou Volkswagen.
Para o executivo, a innovación ten que ser “parte da estrutura da empresa” e estar “ao servizo da estratexia” que estea desenvolvendo.
Empoderar o talento
Compartiron mesa xunto ao vicepresidente de Borgwarner a directora de Innovación e Adopción Cloud de Microsoft, Doris Gómez; Yago Campos, director de Innovación de Hijos de Rivera; e Ana Penas, Innovation Manager de Kaleido. Durante a súa conversa, coincidiron en sinalar que “a innovación require compromiso e xestión do risco”, e que a clave reside en empoderar ao talento interno para que as empresas sexan capaces de evolucionar e competir nun entorno global.
Tamén defenderon a necesidade de axilizar os procesos para que sexan menos burocráticos e, neste sentido, pediron a colaboración das administracións para acelerar os tempos dos proxectos.