Cafés Candelas elevou os seus ingresos ata case 90 millóns o ano antes da reorganización do grupo

A compañía lucense pechou o 2024 cun crecemento nas vendas do 11,27% e un beneficio que ascendeu ata os 6,41 millóns, fronte aos 5,24 do ano anterior.

En 2025 Café Candelas, unha das compañías referentes no torrefacción e comercialización de café no sector hostaleiro en España, reorganizaba a súa estrutura coa creación da sociedade Fondolugar como cabeceira do grupo. Un ano antes, a compañía rozou os 90 millóns de facturación. 

Segundo a documentación depositada no Rexistro Mercantil e consultada por Economía Dixital Galicia a través da plataforma de solución analítica avanzada Insight View, a empresa, que ten a súa base de operacións no polígono industrial lucense de O Ceao, incrementou un 11,27% a súa cifra de negocio, pasando dos 79,20 aos 88,13 millóns.

O groso da súa facturación conségueno en Galicia, onde os ingresos ascenderon aos 17,94 millóns, seguido da área do Levante, con 15,75; e Castela e León, con 12,8 millóns. A outro nivel de facturación está a área central, con case oito millóns, Cataluña (7,31), Granada (7,15), Madrid (6,79), e Canarias (6,08). O negocio do exterior concentra o 4% da facturación con 3,44 millóns. 

Por actividades, o segmento do café e as cápsulas copan o groso da facturación, concentrando un 84% dos ingresos, mentres que o de azucres e edulcorantes representaron o 7%, mesmas cifras que no exercicio anterior. O resto de actividade acumula o 9%.

Tamén experimentaron un crecemento os beneficios. En concreto, aumentaron un 22,33% incrementándose dos 5,24 millóns acadados en 2023 aos 6,41 millóns. Pola súa parte, o resultado de explotación, o propio da actividade da empresa, pasou dos 7,15 millóns aos 8,51. 

Evolución “positiva” do negocio de Café Candelas

“O exercicio 2024 supuxo unha confirmación da evolución positiva das vendas da sociedade, tanto en facturación como en volume, iniciada en 2023, conseguindo manter o seu marxe bruto en niveis similares aos de anos anteriores e así amortecer o impacto da suba das materias primas”, explican os xestores na memoria que acompaña as contas. 

A previsión para 2025 tamén é optimista e prevé continuar esa traxectoria ascendente. “A situación económica de crecemento do PIB e diminución do desemprego xeran unha situación de confianza no consumidor o que, unido a unha preferencia polo consumo experiencial e de bens non duradeiros, permiten á sociedade estimar un crecemento da cifra de negocios para o 2025 con respecto ao ano anterior dun 7%, que lle permita manter os márxes e beneficios”. 

Cafés Candelas, que conta cunha plantilla de uns 300 traballadores, maneixa uns activos de 78 millóns, oito por enriba do ano anterior, mentres que o patrimonio neto medrou ata os 47,61 millóns. Como participadas a compañía conta coas filiais de Portugal, Filadelfia (Estados Unidos), Andorra e Canarias “cuxa actividade coincide coa da sociedade, é dicir, a fabricación e comercialización de café e derivados”. 

Reestrutura do grupo

Ao comezo de 2025 a compañía lucense creou Fondolugar que actuaría como cabeceira do grupo e que aglutinaría as outras seis sociedades As Gándaras Coffee Factory, a nova planta de produción que ten en construción; Cafés Candelas, a comercial para España peninsular e Baleares; Cafés Candelas Canarias, comercializadora nesas illas; Innocaf Tech, a súa fábrica de innovación; Servihostel Solutions, que presta servizos de posvenda; Cafés Candelas Andorra e Cafés Unipessoal (Portugal)

Como feito posterior ao peche mencionan as contas o acordo alcanzado o 18 de febreiro de 2025 de realizar dúas escisións parciais das ramas de actividade da empresa: a actividade industrial de torrefacción de café e o I+D+i. “As sociedades beneficiarias foron constituídas no mesmo acto e denomínanse As Gándaras Coffee Factory e Innocaf Tech. A operación prevé o “traspaso en bloque por sucesión universal” dunha parte do patrimonio de Café Candelas. 

Comenta el artículo
Avatar
Sigue al autor

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp