Endesa leva a Facenda á Audiencia Nacional polas deducións fiscais do desmantelamento das súas centrais.
Endesa Xeración, propietaria da central térmica de As Pontes, reserva 18 millóns de euros polo contencioso que ten co fisco sobre o Imposto de Sociedades pola diferencia de criterio sobre a deducibilidade de gastos por desmantelamento das súas centrais.

Central de Endesa en As Pontes. Europa Press
O desmantelamento do parque de produción de Endesa non só ten datas no calendario de peches previsto. Tamén nos xulgados. E, concretamente, na Audiencia Nacional. Así se desprende da memoria que acompaña as contas correspondentes a 2024 de Endesa Generación, a filial que é titular da central térmica de As Pontes, actualmente en proceso de desmantelamento tras o seu peche e clausura total, en 2023.
A disparidade de criterio fronte a Facenda nos gastos e deducións aplicados pola compañía, en concreto no Imposto de Sociedades, nos procesos de desmantelamento das súas centrais, derivou no seu día en acordos de liquidación que o equipo xurídico de Endesa decidiu recorrer, primeiro en vía administrativa, para seguir despois na contenciosa na Audiencia Nacional.
O proceso
Xa en 2022 a compañía comezou a recibir as resolucións de liquidacións de Facenda relativas ao Imposto sobre Sociedades, que igual que en outros casos, tamén relacionados co IVE, por exemplo, foron recorridos ante a Audiencia Nacional. No caso de Sociedades, “os conceptos obxecto de discusión teñen a súa orixe, principalmente, na diferenza de criterio sobre a deducibilidade de gastos por desmantelamento de centrais, e de determinadas perdas derivadas da transmisión de participacións do período inspeccionado”, aseguran os administradores de Endesa Generación na memoria.
A contingencia asociada ao proceso, detallan, é de 18 millóns de euros, “e dispónse de un aval que garante a suspensión da débeda”, aclara.
Entre outras unidades xeradoras, Endesa completou o cesamento definitivo de actividade da central térmica de As Pontes en 2023, e o ano pasado concluíuse o proceso de “phase out” (reducción progresiva), que incluíu a posta en seguridade das instalacións e a “desenergización” gradual dos equipos. “Este proceso foi levado a cabo de maneira controlada, seguindo estándares técnicos que garanten a seguridade ambiental e operativa”, din os xestores de Endesa Generación.
Posteriormente, explican, adxudicouse o contrato para o desmantelamento da central, “cun enfoque prioritario na contratación de emprego local, fomentando o desenvolvemento económico da rexión”, din. O proceso de desmantelamento ten unha duración prevista de 4 anos.
Outros casos
As deducións do Imposto de Sociedades que fan referencia ao desmantelamento das centrais de Endesa teñen unha trazabilidade similar aos casos doutros impostos para a compañía, caso do IVE.
En 2018 notificáronse os acordos de liquidación definitivos do Imposto sobre Sociedades e do Imposto sobre o Valor Engadido dos grupos de consolidación fiscal aos que pertence Endesa Generación, S.A.U., relativos a un proceso de inspección dos exercicios 2011 a 2014, os cales foron recorridos ante o Tribunal Económico Administrativo Central. En 2022 a compañía recibiu resolución estimadora parcial para o IVE, que con todo decidiu seguir recorrendo ante a Audiencia Nacional.
Máis litixios
Nin de lonxe estes son os únicos nin os máis enxundiosos lios con Facenda de Endesa. En relación co Imposto sobre o Combustible Nuclear Gasto que regula a Lei de medidas fiscais para a Sostibilidade Enerxética, existen procesos abertos nos que Endesa Generación solicitou a modificación da base imponible do imposto. En 2024 a inspección de tributos acordou a procedencia da devolución de 5 millóns de euros. Endesa recibiu acordos de liquidación que denegan a totalidade das devolucións recibidas, por un total de 141 millóns de euros.