Falece Ramón Cerdeiras, fundador de Portobello, accionista das galegas Plexus e Sidecu
O socio fundador da xestora de fondos de capital risco que no seu día controlou Iberconsa e Trison faleceu aos 67 anos de idade.

Ramón Cerdeiras, socio fundador de Portobello Capital
Luto en Portobello Capital. Ramón Cerdeiras, socio fundador da xestora de fondos de capital risco, faleceu este mércores en Madrid aos 67 anos de idade, tal e como informou a propia entidade a través dun comunicado.
“Cerdeiras sempre foi un pilar sereno e reflexivo. Un home tranquilo que nunca se alteraba ante a adversidade. A súa formación de Avogado do Estado dáballe un cariz ordenado, seguro e preciso ao devir dos acontecementos. E sempre apuntaba unha particular e diferencial maneira de ver as cousas”, eloxiaron tamén os socios fundadores da entidade, Iñigo Sánchez-Asiain, Juan Luis Ramirez e Luis Peñarrocha.
Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e Avogado do Estado en excedencia, Cerdeiras comezou a súa andaina no sector do capital risco en 1990 como socio de investimentos Ibersuizas —xerme de Portobello Capital— encargado da área legal. Ademais da súa labor como socio fundador de Portobello Capital, Cerdeiras tamén levou a cabo labores como profesor do Instituto de Empresa, membro da Corte Civil e Mercantil de Arbitraxe, do Comité Consultivo da CNMV e presidente da Asociación Española de Capital Risco (Spaincap).
A pegada de Portobello en Galicia
Considerado un dos pioneiros do capital risco en España, Cerdeiras formara parte dos consellos de administración de compañías como Mediterránea, Ramón Sabater, Blue Sea, USA Group, Evolutio, Caiba, Legálitas, Laboratorios AGQ, Condis Supermercats, Elmubas, Poligof, Serveo, Trison ou Sidecu.
Estas dúas últimas, que teñen sede en Galicia, foron algunhas das últimas apostas de Portobello Capital. A xestora desembarcou na comunidade coa compra dunha participación maioritaria en Iberconsa a finais de 2015. Tras catro anos nos que se acelerou o proceso de crecemento no que estaba inmersa a pesqueira viguesa, Portobello Capital acordaría a súa venda en marzo de 2019 á estadounidense Platinum Equity.
Durante esta etapa á fronte de Iberconsa, Portobello Capital tamén aproveitou para selar a compra de Trison, o provedor de solucións audiovisuais para grandes empresas como Inditex, Louis Vuitton ou Ikea. A súa andaina como peso pesado no seu accionariado prolongouse durante sete anos, ata que a finais de 2023 se acordou a venda da compañía con sede no concello de Sada ao fondo L-GAM.
Na actualidade, Portobello Capital deixa a súa pegada en Galicia a través de dúas empresas nas que participa de forma minoritaria: Sidecu (dona das cadeas de ximnasios Supera), no cuxo accionariado recalou en novembro de 2017, así como da consultora tecnolóxica Plexus, na que irrompeu en febreiro de 2024.