García Costas (ex de Barreras e socio de Cardama) amplía os seus negocios cunha inmobiliaria
San Francisco 17 SL comparte domicilio social con Emenasa, empresa de reparación e mecánica naval e industrial presidida polo empresario, no número 75 da avenida Beiramar, en Vigo.
José García Costas- Archivo
José García Costas suma un novo negocio. O empresario, que foi presidente do estaleiro Hijos de J. Barreras ata a chegada de Ritz e que na actualidade é o segundo máximo accionista do estaleiro vigués Cardama, constituíu en Vigo a sociedade San Francisco 17 SL, cuxo obxecto social é a promoción inmobiliaria.
Segundo as anotacións do Rexistro Mercantil, consultadas por Economía Digital Galicia, a sociedade constituíuse a principios de outubro e dedícase á realización de todo tipo de actividades de carácter inmobiliario, en especial, as relativas á “adquisición, tenencia, arrendamento, enaxenación, promoción, rehabilitación e explotación por calquera título de toda clase de bens inmobles”.
O domicilio social atópase na avenida Beiramar 75 (Vigo), o mesmo que o de Emenasa (Electromecánica Naval e Industrial), compañía de reparación e mecánica naval e industrial que preside García Costas e que exerce como matriz dun grupo de nove filiais, todas domiciliadas na cidade olívica.
Na súa nova sociedade inmobiliaria ocupa o cargo administrador solidario xunto co empresario Fernando Pérez Costas, a súa vez, vicepresidente de Emenasa.
Os números de Emenasa
A García Costas non lle van mal os negocios. Emenasa pechou o 2024 con unha facturación de case 84,96 millóns, por riba dos 73,83 do ano anterior. Os beneficios pasaron dos 1,97 aos 3,97 millóns mentres que o resultado de explotación, o propio da actividade da empresa, creceu un 50% ata alcanzar os 6,14 millóns.
A compañía, que o ano pasado deu emprego a 471 empregados, 55 máis que en 2023, manexa uns activos de 79 millóns, seis máis que o exercicio anterior.
“En canto á situación financeira, o grupo presenta un bo nivel de solvencia tanto no curto como no longo prazo, cun fondo de manobra no exercicio 2024 de 15,76 millóns, unha tesourería a data de peche de 11,96 millóns e un patrimonio neto consolidado de 25,27 millóns”, explican os xestores de Emenasa na memoria que acompaña ás contas depositadas ante o Rexistro Mercantil e consultadas por Economía Digital Galicia a través da solución analítica avanzada Insight View.
En canto ás previsións, os xestores “son optimistas” e esperan “incrementar o volume de negocio do grupo e tamén o seu beneficio.
Saída de Barreras e ‘guerra’ no accionariado de Cardama
Histórico empresario do naval galego, a finais de 2019 a petrolera mexicana Pemex, que por entón era a socia principal de Hijos de Barreras, fixo valer a súa posición accionarial para forzar a saída da presidencia de José García Costas. Foi o paso previo dunha crise para o estaleiro vigués provocada polos retrasos na construción dun cruceiro de luxo para Ritz Carton, en cuxas mans quedou a compañía. Posteriormente a firma entrou nun concurso de acredores que acabou deixando a unidade produtiva do estaleiro nas mans do asturiano Armón.
García Costas continuou estando vinculado ao sector naval desde Emenasa, grupo a través do que controla o 39,6% do estaleiro Cardama, o estaleiro no punto de mira polo Goberno de Uruguai, que rescindirá o contrato asinado en 2023 para a construción de dous buques de patrulla oceánico tras facerse públicas unhas presuntas irregularidades nas garantías do acordo.
O empresario é o segundo máximo accionista de Cardama, só por detrás de Imberia S.L., compañía capitaneada por Mario Cardama, presidente do estaleiro vigués e Germán Alonso Montenegro. Segundo figura na memoria anual do ano pasado da compañía, que se atopa inmersa en “tensións de liquidez” e unha crise co seu accionariado, José García García Costas negouse a asinar as contas.