Impulsa, o holding público-privado que tuteleou a chegada de Altri, pechou o seu último ano de vida con beneficios
A Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, que tivo á Xunta e Abanca como máximos accionistas ata a súa liquidación, contou con Altri case como único cliente e logrou uns beneficios de 380.000 euros ao peche de 2024, derivados da prestación de servizos.
Reunión do consello de administración de Impulsa Galicia. Fotos: Xunta de Galicia
O seu obxectivo non era precisamente gañar diñeiro, pero acabou facéndoo. A Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, máis coñecida como Impulsa, pechou en beneficios o seu último exercicio de vida antes de que os seus accionistas acordasen a liquidación da firma, a mediados do ano pasado. E canto diñeiro gañou Impulsa ese 2024? Pois segundo as súas propias contas, foi un beneficio lixeiramente superior aos 380.000 euros, fronte a unhas perdas de 664.000 euros no exercicio precedente.
E a que decidiu dedicar Impulsa ese beneficio obtido? Pois a memoria e o informe de xestión de 2024 que acompañan as súas contas depositadas no Rexistro Mercantil déixao ben claro: á compensación de resultados negativos de exercicios anteriores foron 68.468 euros; a reserva legal, uns 38.037 euros, e, a reservas voluntarias, o maior importe, destinaron un total de 273.873 euros.
Prestación de servizos a Altri
Impulsa, obxecto de sospeitas e críticas non sempre do todo xustificadas debido ao memorando de entendemento asinado no seu momento pola Administración galega e a pasteleira portuguesa Altri, a priori non vinculante, nunca tivo outro obxectivo que o fundacional, “o impulso de proxectos empresariais de índole estratéxica para a economía galega”, como din os seus estatutos. Con todo, “a prestación de servizos de asesoramento xurídico, económico, administrativo, comercial e industrial a terceiros e a elaboración de proxectos e estudos para o fomento de novas actividades empresariais, ambientais e de economía circular” tamén está recollida no seu obxecto social. E aí entra en escena de novo Altri, o seu cliente.
Desde a súa creación, en abril de 2021, Impulsa tivo os mesmos accionistas, e un consello de administración no que tamén se incorporaron independentes. Así, a Xunta controlaba de forma directa o 40% do capital, con Abanca como segundo accionista, cun 38%. Apuntalaban a estrutura da sociedade Reganosa, cun 12%, e Sogama, con outro 10% do accionariado.
Actividade á baixa
A prestación de servizos a Altri, e a subcontratación dos mesmos a terceiros, caso dos informes que encargou a Boston Consulting, con quen chegou a ter os seus máis e os seus menos, foi a clave de bóveda da actividade de Impulsa nos seus anos de vida. De feito, a memoria do 24 dá conta de que, “da totalidade do importe neto da cifra de negocio da sociedade a 31 de decembro de 2024, existe un cliente que representa o 99% dos ingresos da entidade, mentres que dous clientes representaban o 92% a 31 de decembro de 2023”, explica.
A xulgar pola súa conta de resultados, a actividade de Impulsa tivo unha clara tendencia á baixa segundo o proxecto de Altri tomaba forma nos despachos. Creada para canalizar iniciativas tractoras para os Next Generation, a compañía tivo un conflito con Boston Consulting e esixiu 1,7 millóns á consultora por discrepancias sobre o contrato de servizos que mantiñan, que finalmente se resolveron “por un importe inferior”, segundo sinalou no seu momento a compañía.
Lío con Boston Consulting
“O importe recollido no epígrafe de servizos profesionais independentes corresponde a facturas correspondentes a un provedor (Boston Consulting), recibidas no exercicio 2023”, di a compañía. “Ao terse rexistrado como un gasto no exercicio 2023 e cancelarse o importe a pagar no importe de 2024 mediante facturas rectificativas, en opinión dos administradores, considerouse como un menor gasto do presente exercicio”. A última auditoría da compañía, asinada por EY, está limpa, sen salvedades nin parágrafos de énfase.
Activo e recursos propios
No seu primeiro exercicio completo de actividade, Impulsa pechara con uns fondos propios (capital e reservas) de 5,3 millóns de euros. No seu último ano antes da liquidación eran cinco millóns os recursos propios anotados no patrimonio da compañía. Do total do activo no exercicio de 2024 era o efectivo e outros activos líquidos equivalentes a partida de maior importe, con 3,1 millóns de euros. Un ano antes, eran 1,3 millóns para un activo total de 6,9 millóns de euros.
En certa medida, o proxecto de Altri é fillo do Covid. En marzo de 2020 estala a pandemia co confinamento. En abril chega a desescalada e nace o comité de expertos de Feijóo. Cos gurús cuaja a idea dos proxectos tractores.
A chegada de Altri
Os ámbitos preferentes para implantar proxectos tractores recomendados polos expertos de Núñez Feijóo incluían seis sectores tradicionais, entre os que estaban o téxtil e o forestal. Como palanca de cambio, a circularidade. E entre as iniciativas plantexadas, modelos de negocio innovadores; “desenvolvemento do deseño circular e de materias primas máis sostibles”, e “desenvolvemento de tecnoloxías de reciclaxe química de fibras sintéticas procedentes de residuo téxtil e definición das pautas para a implementación e escalabilidade a nivel industrial”. Nacera a idea, a planta de fibras téxtiles como proxecto tractor.
En abril de 2021 nace Impulsa Galicia e en outubro dese mesmo ano transcende que a portuguesa Altri sería a que liderase o proxecto de fibras téxtiles. E ata hoxe, como quen di, cando a Xunta acaba de anunciar o arquivo do expediente do grupo portugués como proxecto estratéxico.