José Blanco e Alfonso Alonso venden a súa consultora Acento ao grupo francés Havas.
Propiedade de Vivendi, o grupo galo fai-se coa maioría do capital da Acento Publics Affairs e os exministros Blanco e Alonso, cabezas visibles, seguirán traballando na compañía.
Os exministros Alfonso Alonso e José Blanco / EDG
Catro meses de negociacións para pechar unha das operacións do ano no mundo da consultoría. Havas Media Group, unha axencia de comunicación francesa con forte presenza internacional, pechou a compra da maioría do capital de Acento Public Affairs, a consultora fundada polos exministros José Blanco (PSOE) e Alfonso Alonso (PP), que durante os últimos anos rexistrou un forte crecemento, tanto en vendas como en equipo.
Propiedade de Vivendi, o grupo galo fíxose coa maioría do capital de Acento Public Affairs e os exministros Blanco e Alonso, cabezas visibles, seguirán traballando na compañía, segundo adianta El Confidencial.
Operación e dimensións
A compra da consultora, destaca, é un paso na estratexia de Havas Media e de Vivendi para tomar posicións no mercado español, onde xa é accionista significativo de Prisa, editor de El País e a Ser, cun 11% do capital. Aínda que ata o momento non trascenderon cifras, varias fontes apuntan a que o importe da operación ronda os 30 millóns de euros.
O 2024 foi un ano récord para Acento Public Affairs. A consultora pechou o exercicio con máis de dous millóns de euros de beneficio e 9,6 millóns de facturación tras crecer un 22%. Os beneficios da consultora incrementáronse un 47%, ata alcanzar os 2,09 millóns de euros. A firma optou, ao igual que en exercicios anteriores, por descartar a opción de abonar un dividendo aos seus accionistas. No seu lugar, destinou a totalidade desta cantidade a reservas voluntarias.
Este ano, a consultora estreou novos clientes: entra a Euroliga de baloncesto e saen Marrocos e Huawei. Acento Public Affairs sufriu un recorte de ata o 80% no seu negocio como lobbista en Bruxelas en 2025, pero captou a Euroleague Ventures, AstraZeneca ou Veolia Environnement como novos clientes.