Kaleido, operador loxístico vigués, duplica beneficios a pesar de recortar un 42% os seus ingresos.

A compañía pechou o 2024 cuns ingresos de 61,78 millóns, fronte aos 106,83 do ano anterior, e unhas ganancias de 2,26 millóns, case o dobre dos 1,18 do ano anterior.

Operarios de Kaleido

Operarios de Kaleido. Foto: Clúster da función loxística de Galicia

Kaleido, o operador loxístico con sede en Vigo, duplicou beneficios en 2024 ata pechar o exercicio con unhas ganancias de 2,26 millóns, fronte aos 1,18 do ano anterior. A compañía prevé para este 2025 un “lixeiro incremento” dos datos, “orixinado pola consolidación do seu negocio e o coñecemento do mercado e do entorno económico”.

Así figura na memoria que acompaña ás contas depositadas no Rexistro Mercantil e consultadas por Economía Dixital Galicia. A compañía incrementou un 50% as súas ganancias a pesar de recortar os seus ingresos 45 millóns. En concreto Kaleido Logistics despediu o 2024 cunha facturación de 61,78 millóns, un 42% por debaixo dos 106,83 do ano anterior. 

Practicamente a totalidade dos ingresos correspóndense co transporte marítimo. Por mercados, o español representa case o 30% da cifra de negocios. O resto da Unión Europea aglutinaría o 26,37% dos ingresos mentres que o 44,02% procederían do resto de países do mundo. 

Pola súa banda, o resultado de explotación, propio da actividade da empresa, pasou dos 2,33 millóns en 2023 aos 2,82.  En canto aos activos, pasaron de 48.23 millóns aos 26,90 mentres que os activos incrementáronse case un 14% ata os 18,91 millóns. 

Actividade de Kaleido

Kaleido Logistics ten por obxecto social o “exercicio de todas as operacións de tráfico portuario, axencia de liñas regulares de navegación, consignación de buques, seguros e outras aquelas actividades do ramo marítimo en Vigo, pero con posibilidades de desenvolvemento noutros portos de España e do estranxeiro se procedera”. 

Segundo explican os xestores na memoria a empresa aspira a converterse “nun referente de xestión de grandes proxectos, áxil e internacional, consolidando como piares do seu desenvolvemento as capacidades en enxeñería innovación, dixitalización e sostibilidade”. 

Tamén destacan a internacionalización como “a clave do modelo de crecemento” da compañía así como a súa capacidade para “acometer proxectos desde calquera lugar do mundo”. “Sectores como o granito, aluminio, pezas especiais, industria eólica, naval ou automoción entre outros, así como as unidades de negocio de axencia consignataria,  fretamentos e operacións portuarias, seguen sendo determinantes no bo funcionamento da sociedade”, subliñan.

A compañía intégrase baixo o paraugas do Grupo Mare, que conta con sociedades como Kaleido Supply Chain Management, Kaleido Freight Services, ou Kaleido Tech, entre outras. A peche de 2024 contaba cunha plantilla de 46 traballadores, 3 máis que o exercicio anterior. 

Récord de operacións en Vigo

A principios de mes a Autoridade Portuaria de Vigo informaba de que Kaleido Logistics canalizará 70.000 toneladas de carga convencional –principalmente granito, aluminio, e bobinas de aceiro–  este mes de setembro, un dato “histórico”.

“A Terminal do peirao Transversal será escenario dun récord de operacións, coa chegada de 16 buques”. Tamén subliñaban “a importancia das inversións realizadas por Kaleido nos últimos anos no Porto de Vigo, así como as que están por vir, orientadas a reforzar a capacidade operativa da terminal”. En concreto, a AP de Vigo sinalaba a “capacidade ampliada” grazas aos centros loxísticos desenvolvidos en Valladares e Porriño, para desconxestionar o recinto portuario.  

“Grazas a esta aposta, o Porto de Vigo consolidouse como un hub de distribución de referencia internacional para determinadas mercadorías, desde o que se canalizan cargas cara a diversos destinos do mundo”. 

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta