Naturleite, Entrepinares, Lactalis… a xeopolítica irrompe no prezo do leite antes dos novos contratos
As organizacións agrarias presionan para garantir prezos altos na renovación dos contratos de subministro desta primavera ante o incremento de custos que pode provocar o conflito en Oriente Medio e despois de que a industria propoñera fortes baixadas.
Planta de Central Lechera Asturiana en Siero. Juan Vega / Europa Press
O pasado mes de febreiro, as industrias lácteas trasladaron ás granxas a proposta de renovación de contratos desta primavera con prezos á baixa. Os recortes que grupos como Naturleite, Inleit, Entrepinares, Larsa ou Lactalis puxeron sobre a mesa oscilaban entre os tres e os 11 céntimos por litro. Tratábase do inicio da negociación para as empresas, que deben presentar con antelación as súas propostas, pero auguraba unha caída do diñeiro que perciben os gandeiros pola leite na orixe e, xa entón, organizacións como o Sindicato Labrego Galego ou Unións Agrarias considerábanas fóra de lugar.
Desde entón, a situación empeorou para todos. Ou cando menos, invita a un maior pesimismo. O temor a unha escalada de custos polo conflito en Oriente Medio —enerxía, insumos…— e as denuncias de entrada de leite doutros países dispararon as alarmas nas explotacións. Unións Agrarias pediu que se prorrogasen os actuais contratos ata que haxa unha visión máis clara do impacto nos custos da xeopolítica de Donald Trump e Israel, e lembrou que a Ley de la Cadena Alimentaria prohíbe a adquisición de leite —e de calquera produto alimentario— por debaixo de custo.
“Co prezo dos combustibles, a enerxía e os fertilizantes escalando de maneira desmesurada como consecuencia da guerra en Irán, Unións Agrarias insta ao Ministerio de Agricultura e á Xunta a dar un paso adiante para velar polo estrito cumprimento da lexislación vixente no sector produtor, tanto no que ten que ver coa orixe do leite que está entrando na industria como en relación á repercusión dos custos de produción das granxas”, dixo a organización nun comunicado.
Porque o segundo asunto que denuncian é a entrada de cisternas de Francia e Portugal en plantas envasadoras, precisamente cando as propostas para a renovación de contratos están a impulsar recortes para as explotacións. “Coa renovación dos contratos de subministro achegándose, a organización fai un chamamento á responsabilidade e solicita a intervención da AICA galega e estatal ante un escenario insólito que non pode ter cabida no marco legal, cos custos subindo e os prezos baixando”, insisten.
A renovación de contratos
Na súa altura, Unións Agrarias calculou un recorte de entre 125 e 275 millóns ao ano para os gandeiros de consolidarse as propostas da industria de febreiro, algo que non ten por que suceder. Estas ofertas plantexaban recortes especialmente elevados en Naturleite e Entrepinares, os dous grandes provedores de Mercadona, e en Inleit, a planta de Teixeiro. A filial de Covap, con planta en Meira, propón un prezo base de 39 céntimos máis outros dous por benestar e dobre A (produto máis dixestible), fronte aos 50 céntimos máis dous de prima que paga actualmente, o que supón un recorte de 11 céntimos por litro. O queixeiro de Mercadona, con instalacións en Vilalba, rebaixa sete céntimos o seu contrato actual, ao ofrecer 44 céntimos por litro. Inleit recorta a 38 céntimos o prezo base, nove menos.
Tamén plantexan contratos á baixa os grupos que máis volume recollen en Galicia: Lactalis, con catro céntimos menos de prezo base e 2,5 menos por cantidade; e Capsa (Larsa), con tres céntimos menos, aínda que mantendo as primas. Lence, o grupo que comercializa Río e Leyma, propuxo un máximo de 45 céntimos, sumando prezo base, calidade e volume, fronte aos 53 que está a pagar.
Inspeccións
Neste escenario, a Xunta estará vixiante. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, avanzou que establecerán un plan “esgotivo” de inspección desde o luns para controlar os contratos no sector lácteo e o etiquetado do leite. Fíxoo tras unha reunión “urxente” coa propia Unións Agrarias para abordar os dous principais focos de preocupación da organización.
Durante o encontro, o secretario xeral de UU.AA, Roberto García, e o vicesecretario xeral, Félix Porto, advertiron da chegada de cisternas de leite procedentes principalmente de Francia e Portugal con prezos arredor dos 20 céntimos por litro, mentres que os prezos neses países son superiores aos 40 céntimos. Por este motivo, a Consellería decidiu poñer en marcha un plan específico de inspección que comezará o luns e do que se encargará a Dirección Xeral da PAC e da Cadea Alimentaria. Este plan incluirá controis sobre os contratos lácteos que se asinen e sobre o etiquetado dos cartóns de leite, co obxectivo de garantir que o leite identificado como galego procede de explotacións da comunidade.

Chamamento á AICA
A Xunta tamén solicitará ao Executivo central que, a través da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), realice unha inspección “esgotiva” dos contratos do leite ante a súa renovación e a intervención da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) para avaliar unha posible “competencia desleal”. Tamén pedirán ao Goberno unha redución dos impostos na enerxía eléctrica, o gasóleo, os plásticos e os fertilizantes, para “paliar as implicacións que ten esta situación no sector agropecuario”.
A próxima semana, a conselleira reuniráse coas principais industrias lácteas de Galicia e coas cadeas de distribución, para expoñerlles as medidas que se levarán a cabo desde o seu departamento. Os grupos que máis leite recollen en Galicia son Lactalis, Capsa —o brazo industrial de Central Lechera Asturiana—, a unión de Celta e Clun, e Grupo Lence.
Piquetes informativos
Por outra banda, o secretario de Unións Agrarias anunciou que a partir do venres porán en marcha piquetes informativos naquelas industrias onde se detecte a chegada de cisternas de leite procedentes do exterior para pedir aos transportistas o CMR e comprobar así a súa procedencia e prezo co que se oferta.
Finalmente, avanzou que o luns abandonarán a Interprofesional Láctea mentres “non haxa un plan que respecte aos gandeiros” e que esixirán ao Ministerio que se paralicen todas as campañas de promoción e publicidade de consumo de produtos lácteos. “Non ten sentido que con diñeiro dos gandeiros españois esteamos a facer promoción de leite de Francia ou de Portugal que está entrando en competencia desleal”, concluíu.