Novo fichaxe de Bimba y Lola: a ex presidenta de Condé Nast en España entra no consello
Tras a incorporación do exconselleiro delegado de Tous, a compañía pontevedresa nomea nova conselleira a Natalia Gamero del Castillo.
Bimba e Lola incorpora ao seu consello de administración á ex de Condé Nast, Natalia Gamero del Castillo. Foto: Diego Lafuente
Bimba y Lola, a compañía de moda das irmás Uxía e María Domínguez, continúa coa renovación do seu consello de administración. A firma con base de operacións en Pontevedra anunciou a incorporación ao máximo órgano de dirección da compañía de Natalia Gamero del Castillo, ex presidenta de Condé Nast España. Únese este fichaxe ao anunciado o pasado decembro de Carlos Soler-Duffo, ex conselleiro delegado de Tous.
Explican desde a compañía que Gamero del Castillo achegará unha “extensa experiencia profesional na dirección internacional de medios de comunicación líderes en ámbitos como a moda, a arte, a cultura, as viaxes… así como un profundo coñecemento da xestión estratéxica de marcas globais”.
Currículo
Natalia Gamero del Castillo desenvolveu gran parte da súa carreira en Condé Nast, onde, como managing director, ocupou o rol de maior responsabilidade executiva do grupo en Europa, México e Latinoamérica. Desde esta posición, liderou a integración dos principais mercados europeos nun único mercado e o lanzamento e desenvolvemento de Oriente Medio como un dos principais motores de crecemento do grupo.
“Anteriormente, como CEO, Presidenta e Editora de Condé Nast en España, liderou unha transformación editorial, organizativa e de negocio que se traduciu nunha das operacións máis sólidas do grupo americano a nivel mundial, reforzando o posicionamento e liderado en audiencias de marcas clave como Vogue, Vanity Fair e Condé Nast Traveler”, explican desde a firma de moda.
Renovación
“A incorporación de Natalia ao Consello reforza a nosa visión estratéxica como marca. A súa experiencia liderando procesos de transformación e crecemento internacional en organizacións creativas achéganos un coñecemento único e valiosísimo para a etapa actual”, apunta Uxía Domínguez nun comunicado.
A executiva desembarca en Bimba y Lola despois de que o pasado decembro se anunciase a entrada do exconselleiro delegado de Tous así como a marcha de Cristina Trujillo, ex de Desigual, como conselleira independente.