Os sindicatos de Navantia claman contra a «decadencia» en Ferrol e piden máis investimentos
Movemento Alternativo Sindical (MAS) e CIG trasladaron a súa "preocupación polo futuro da compañía" ante o "silencio absoluto" sobre novas inversións no seu estaleiro de Ferrol.
Vista exterior do estaleiro de Navantia en Ferrol
Movemento Alternativo Sindical (MAS) e CIG elevan o ton contra Navantia para reclamar máis investimentos. Estes dous sindicatos, que conforman a maioría do comité de empresa de Navantia Ferrol, emitiron un comunicado no que esixen un plan estratéxico consensuado cos traballadores e alertan de que a falta de investimentos aboca á “decadencia” dos estaleiros da ría de Ferrol.
No escrito, os representantes sindicais critican que a dirección de Navantia se negue a negociar un plan de futuro alegando que non está obrigada a facelo. “Máis alá das críticas por contar coa opinión do persoal só cando existe unha imposición legal, queremos trasladar a nosa preocupación polo futuro da compañía“, sinalan.
Entre as carencias máis graves, destacan o “silencio absoluto” sobre os investimentos necesarios para a modernización dos estaleiros, tanto en obra nova como en reparacións. Subliñan que é imprescindible a construción dun novo peirao para obra nova e a mellora das áreas de reparación.
É por iso que reclaman melloras como a “actualización dos medios de elevación e maquinaria de taller, novas cabinas de pintura e mellora dos sistemas de movemento interior de grandes pezas”. Tamén demandan a ampliación do parque de chapas, máquinas de corte e curvado de tubos, así como a creación dun equipo forte de I+D+i en eficiencia enerxética (hidróxeno, combustibles sintéticos ou biomasa).
Un plan de formación e emprego
En paralelo, desde os sindicatos tamén se advirte dun grave problema de man de obra se non se pon en marcha un plan “serio e eficaz” de formación e emprego.
Denuncian que, con case o 80% da produción subcontratada, Navantia corre o risco de sufrir deslocalización industrial e, “o que é peor, perda de control e coñecemento estratéxico sobre os seus propios produtos”.
Critican ademais a falta de concreción da chamada “Navantia Academy” e esixen acordos reais coas universidades públicas. “Menos propaganda e máis feitos”, sentencian. O comunicado conclúe cun chamamento á acción: “Se queremos seguir sendo unha referencia mundial na construción naval e optar a contratos internacionais, debemos actuar. Xa!”.