As cidades galegas como organismos vivos
A metáfora biolóxica ten unha utilidade analítica considerable: permite cuantificar os fluxos de entrada e saída, identificar as ineficiencias e deseñar intervencións nos ámbitos público e privado.
O que non se pode medir resulta difícil de valorar. Esa premisa representa un punto de partida elemental para construír esta nova edición, a cuarta, do Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia, un gran angular sobre as sete cidades e o seu comportamento social e medioambiental. Con ese criterio naceu este proxecto e tamén se armaron as anteriores edicións, nas que se abordaron cuestións como o cumprimento dos ODS das Nacións Unidas, a realidade verde urbana cunha mirada integral ou a configuración dun sistema estendido que transcende con claridade os límites municipais tradicionais: as sete áreas máis alá das delimitacións administrativas que conforman as cidades foi o eixo da última edición.
Toca agora a economía circular das urbes galegas. Un paso máis para o equipo nucleado en torno a Economía Digital Galicia, un salto que parece sinxelo pero que unha simple cuestión de escala, a municipal, fai que resulte complexo de dimensionar. De aí que o esforzo sexa dobre. Partindo dos estándares europeos, os autores do proxecto recorren con tino á metáfora da cidade como un organismo vivo que xa se converteu en convención admitida e aplicada no entorno académico dos estudos sociais.
Como se sinala ao longo destas páxinas, o metabolismo urbano concibe a cidade como un organismo que importa enerxía, auga e materiais, os transforma mediante procesos produtivos e de consumo, e exporta residuos, emisións e efluentes. A metáfora biolóxica ten unha utilidade analítica considerable: permite cuantificar os fluxos de entrada e saída, identificar as ineficiencias e deseñar intervencións nos ámbitos público e privado.
O obxectivo final, sen dúbida, pasa por unha aproximación propositiva para a medición dos inputs, outputs e stocks das sete cidades, co fin de optimizar eses fluxos e minimizar os impactos negativos das urbes galegas dentro dun análise comparado.
E é que, como recollen estas páxinas a modo de síntese argumental, as cidades non son só motores de crecemento, son tamén os principais consumidores de recursos do planeta e os maiores xeradores de residuos e emisións. É unha dobre condición, a de polos de desenvolvemento e foco de presión ambiental á vez, que se presenta como o gran teatro de operacións para abordar os retos da descarbonización e a transición medioambiental tanto a través de políticas públicas como de iniciativas privadas.
O traballo que o lector ten diante non é máis que unha achega analítica que contribúe a clarificar ese escenario para tomar as mellores decisións por parte de cidadáns e administracións públicas. Sete cidades, si, pero sen dúbida un sistema urbano dominante, construído arredor da AP-9, por obviar circunloquios e recorrer á obviedade dun trazado viario mil e unha veces utilizado polos galegos, desde Ferrol a Vigo, que arma unha realidade, a que divide Galicia en dous, a atlántica e a interior.
E é que a análise comparada da economía circular a través de decenas de indicadores, como os que mostra esta edición do Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia, tamén permite testar as diferenzas substantivas entre eses dous marcos territoriais, entre esas dúas Galicias.
¿Non merece ese sistema urbano diferenciado, de cidades intermedias para os estándares comunitarios, accións coordinadas en determinados aspectos cando ademais conforman o que se entende por economías de aglomeración, que comparten os beneficios propios de estar situadas nunha mesma área xeográfica que só as infraestruturas separan? ¿E non deberiamos comezar a pensar así en asuntos de tal importancia como a circularidade das súas economías?
Agora que basta con mirar ao noso arredor para comprobar que unha era constrúe cidades, pero unha hora as pode destruír, convén repensar a realidade urbana de Galicia en clave de sostibilidade. E o certo é que a economía circular permite gañar a todos. O Atlas Urbano da Sostibilidade en Galicia, unha vez máis, suma e achega para poder coñecer mellor a realidade das cidades galegas. E a partir de aí, tomar as mellores decisións en uns ámbitos de actuación que en absoluto nos resultan alleos.