O creador galego de Rojadirecta deféndese nos xulgados: «A web non permitía descargar partidos»
O fundador de Rojadirecta negou durante a primeira sesión do xuízo que cometese un delito por retransmisións deportivas ilegais polo que a Fiscalía lle pide catro anos de cárcere.
Turno para o creador de Rojadirecta nos tribunais. Igor Seoane compareceu ante a Audiencia Provincial da Coruña para negar que cometese un delito por retransmisións deportivas de forma ilegal, polo cal a Fiscalía lle reclama ata catro anos de cárcere.
Segundo recolle o seu escrito de cualificación, “a web non permitía descargar partidos, outra cousa é que os usuarios utilizasen o foro para compartir ligazóns de contidos audiovisuais”. “Nós non permitimos que colguen contidos non autorizados, outra cousa é que aparezan”, reiterou.
Neste sentido, Seoane explicou que a web “tiña habilitado que un usuario subise unha ligazón e outro membro da comunidade puidese compartila”, así como “publicar como ver partidos” en Internet. Ademais, o coruñés engadiu que, segundo indica a normativa, “cando tes coñecemento efectivo -dessas ilegalidades- tes a obriga de eliminar eses contidos”. “Se teño coñecemento faino pero non significa que teña que estar supervisando”, incidiu.
Cuestionado polo orixe dos ingresos obtidos por esta empresa nos anos nos que foi investigado, o procesado expuxo que proviñan da “promoción de retransmisións audiovisuais” e da xestión do “patrimonio derivado desa actividade”.
“A web tiña un índice de eventos deportivos e uns canais, entre eles os máis habituais eran casas de apostas que emitían esa retransmisión”, sinalou. Así, concretou, “o usuario que clicaba nesa casa de apostas rexistraba un código de afiliado”, vinculado con Rojadirecta. “Das ganancias futuras que tivese, nós obtivemos un 30% das finais nalgún caso e noutro, un beneficio escalonado dependendo do número de referidos no mesmo mes”, detallou. Así mesmo, afirmou ter un dereito de comisión perpetua das casas de apostas.
En canto ás inversións financeiras, concretou que obtiveron “ganancias moderadas porque non son fondos de risco, son bastante conservadores”. Tamén manifestou que non creou Rojadirecta para facerse “millonario”, “Houbo un momento no que puiden vivir desa actividade pero logo non”, recalcou.
Por outra banda, o Ministerio Público considera no seu escrito fiscal que a actividade da plataforma Rojadirecta, a través da sociedade Puerto 80 Projects SLU, constitúe un delito contra a propiedade intelectual e solicita para o procesado catro anos de prisión.
En relación con estes feitos, a Fiscalía apunta ao creador da mesma e a outras cinco persoas, con domicilio en distintas localidades españolas e administradores de webs que colaboraban.
Entre Mediapro e Telefónica
Non obstante, nesta vista xúzase só a unha persoa -o creador de Rojadirecta– despois de que os demais encausados chegasen a un acordo de conformidade, con sentenza xa ditada e que o avogado da defensa plantexou que se declarase nula con repetición do xuízo ao incluír cuestións que “señalan directamente” ao seu cliente.
Nesta primeira sesión do xuízo declarou, entre outros, o director comercial dunha empresa que compraba a Mediapro dereitos de fútbol para distribuír a casas de apostas. Este afirmou que se Rojadirecta dera acceso a través de ligazóns de casas de apostas a contidos de fútbol sería sorteando medidas de geobloqueo da súa compañía e cláusulas contratuais.
Na mesma liña, un representante de Telefónica, titular exclusiva dos dereitos do fútbol de pago naquela altura, sinalou que naqueles tempos para ver este deporte en España había que ser “abonado” a plataformas específicas.
Neste sentido, asegurou que non autorizaron a Rojadirecta a que retransmitise os seus contidos futbolísticos. “En ningún momento e baixo ningún concepto”, reiterou. Fixoo tras explicar que o “prexuízo económico que se causou naquela tempada foi moi elevado”. “Falamos de varios millóns de euros”, cifrou.
O argumento da defensa
Previamente ao inicio deste xuízo, o avogado da defensa confirmou que reclama a absolución do seu cliente. “A actividade denunciada de administrar unha páxina web na que os propios usuarios achegan ligazóns a contido deportivo de moi diversa índole e de páxinas de terceiros sen que haxa unha actividade por parte de Rojadirecta activa, senón meramente neutral de axenda deportiva, non está tipificada como delito”, incidiu.
Este letrado apuntou, ademais, que a páxina web non tiña “publicidade nin cobraba polas retransmisións que sexan ilícitas”. “Ninguén que faga click daba un só beneficio ao meu cliente”, insistiu.
Así mesmo, recalcou que “o Código Penal non ten como obxecto protexido os partidos de fútbol, senón as obras intelectuais onde están os partidos de fútbol”.
“Entendemos que se lle aplican as exencións de responsabilidade de calquera intermediario da Sociedade da Información, que son estas páxinas cuxo contido está construído non polos seus propietarios senón polas achegas da propia comunidade e a súa obriga é só a de actuar diligentemente cando alguén notifique algún contido que poida ser infractor e está probado que así se actuou”, asegurou.