O Grupo Gadisa, no podio das compañías de capital galego en ingresos, con 1.800 millóns, e 9.750 empregados.

As contas consolidadas do grupo da familia Tojeiro, integrado polo negocio de supermercados Gadis, pero tamén polo de Reganosa ou Forestal do Atlántico, arroxan un beneficio de 135,6 millóns de euros, un 7% menos.

Roberto Tojeiro, presidente del Grupo Gadisa, al lado de la imagen de la sede en Betanzos del grupo de distribución alimentaria.

Roberto Tojeiro, presidente del Grupo Gadisa, al lado de la imagen de la sede en Betanzos del grupo de distribución alimentaria. Fotos: Aecoc y Gadisa

O Grupo Gadisa, conglomerado empresarial en mans da familia Tojeiro cuxos negocios van dende a distribución alimentaria ata a enerxía, o transporte ou a industria madeireira, rexistrou o pasado exercicio unhas vendas netas de 1.807 millóns de euros. Un dato récord que o sitúa no podio das grandes compañías de capital galego en canto a ingresos, xunto ao xigante Inditex e a siderúrxica da familia Freire, Megasa. A maior parte dos ingresos consolidados das sociedades nas que participa a firma proceden dos supermercados Gadis, que rexistraron uns ingresos de 1.640 millóns de euros en 2024.

Os datos do grupo revelan que, ademais, o conglomerado industrial con base de operacións en Betanzos tamén é un dos grandes empregadores na comunidade. A última memoria corporativa de Gadisa Retail, consultada por Economía Dixital Galicia, indica que o conxunto do grupo sumou o pasado ano unha media de 9.752 empregados. Na conta, de novo, a maioría os achega o negocio alimentario, xa que a compañía de supermercados creou 322 novos empregos o pasado exercicio, chegando ás 8.880 persoas contratadas.

A maioría das contratacións do grupo realízanse en Galicia, aínda que tamén en Castela e León, onde suma uns 1.800 empregados. A última memoria consolidada de Galega de Distribuidores de Alimentación enviada ao Rexistro Mercantil e consultada por este medio indica que “o 99,32% dos empregados do Grupo Gadisa traballan en España, mentres que o 0,68% restante desempeñan o seu labor en Malta, Ghana, Italia e Alemaña”. Os empregados nestas últimas localizacións estarían ligados, principalmente, á rama enerxética do grupo.

Beneficio consolidado de 135 millóns

E é que, ao marxe do negocio dos supermercados, gran motor de ingresos e beneficios do grupo, o mesmo tamén integra o negocio de Reganosa, a regasificadora de Mugardos onde ostenta a participación maioritaria, ao marxe de sociedades inmobiliarias, as madeireiras Intansa e Unemsa e a química Forestal del Atlántico, que desenvolve en Ferrolterra o proxecto Triskelion, para o desenvolvemento dunha fábrica de metanol verde valorada en 180 millóns.

O balance consolidado de Galega de Distribuidores de Alimentación expón uns beneficios consolidados en 2024 de 135,6 millóns de euros, un 7,2% menos. Nos dous últimos exercicios enlazou unhas ganancias conxuntas por encima dos 280 millóns.

Con un resultado de explotación, o propio da actividade da compañía, de 137 millóns, os activos do grupo incrementáronse un 5%, dos 1.549 aos 1.629 millóns de euros.

Negocio alimentario

Os administradores do grupo destacan a mellora de resultados da área de negocio alimentario, Gadisa Retail, o pasado exercicio, no que as vendas aumentaron un 4,5% e levouse a cabo un esforzo na optimización de custos. A división de supermercados “continúa aplicando unha política prudente de reinvestimento de boa parte dos resultados para seguir fortalecendo a súa solvencia e rendibilidade, garantindo así a súa capacidade de crecemento e de facer fronte aos retos que poidan presentarse no futuro”.

O subgrupo Gadisa Retail achegou ao conglomerado industrial un resultado axustado de máis de 106 millóns, por enriba dos 95 millóns do ano anterior.

Por outro lado, tamén chama a atención sobre as cifras de Bienes Inmuebles Corporativos Atlánticos 2008, sociedade que desenvolve a actividade inmobiliaria do grupo e que o ano pasado realizou “un notable esforzo inversor en novas infraestruturas destinadas a fortalecer os servizos loxísticos que precisan as empresas do grupo Gadisa Retail”. Con un beneficio de 9,6 millóns, explican que “aportou ao grupo resultados favorables en liña co exercicio anterior, tanto en volume de operacións como en beneficios”.

Da madeira á enerxía

No citado documento tamén se indica que as sociedades que operan no sector da madeira “operaron no exercicio 2024 a un nivel relativamente baixo, acorde coa contracción da demanda que o sector veu rexistrando desde finais de 2022 e que levou aparellada tamén unha caída nos niveis de prezos, mentres que os custos de produción recortábanse lixeiramente respecto ás taxas de exercicios anteriores, aínda que sen chegar a evitar un estreitamento das marxes unitarias por produto”. Unión de Empresas Madereras, por exemplo, rexistrou un negativo de 1,6 millóns, en liña co exercicio precedente, mentres que Industrias del Tablero tivo uns ganancias de 5,3 millóns fronte aos 6,4 de 2023.

Forestal del Atlántico, da que ten unha participación directa de case un 86%, tamén logrou un beneficio de 2,35 millóns de euros, aínda que por debaixo dos notables 21 millóns do anterior exercicio.

Por súa banda, o subgrupo Reganosa Holdco, a sociedade que controla tanto o 100% da regasificadora de Mugardos como o negocio internacional e a participación dun 25% en El Musel, colleitou uns ganancias de 12,6 millóns, “contribuíndo un ano máis á xeración de resultados positivos”. A participación no seu capital é de preto dun 56%.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta