O maior grupo lácteo en España e o CSIC lanzan un plan para a sustentabilidade ambiental das granxas
Lactalis e o Consello Superior de Investigacións Científicas identifican 27 palancas de redución de emisións tras recoller información de mil explotacións e estudar a fondo 16 granxas piloto.
Lactalis España e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través da Estación Experimental do Zaidín (Granada), anuncian a renovación e ampliación ata 2033 do acordo de colaboración para impulsar a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) en granxas de vacún leiteiro.
Lactalis, o maior operador do sector lácteo en España por facturación e volume de recollida, leva tempo a traballar co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na redución das emisións das explotacións de gando vacún leiteiro, o elo primario da cadea de valor que lle permite levar ao mercado marcas como Puleva, Ram, El Ventero ou Gran Capitán. Esta alianza acaba de renovarse ata 2033, co obxectivo de identificar 27 palancas de redución que poidan converterse en medidas implantables nas granxas.
A multinacional francesa desenvolve este proxecto, precisamente, para obter solucións técnicas que poidan implementarse e escalarse sen que se poña en perigo a viabilidade das explotacións. “O primeiro paso é medir ben a realidade de cada granxa: se non entendemos con precisión onde se xeran as emisións, non podemos deseñar solucións eficaces nin acompañar ao gandeiro nun cambio real”, dixo José Sáez, director de Lactalis Compras e Suministros, nun comunicado.
A colaboración de Lactalis e o CSIC vincula esta ambición ambiental coa vocación de mellorar a eficiencia global das explotacións, pois entenden que a capacidade de producir de forma máis estable, cun mellor uso dos recursos e maior resiliencia ante a volatilidade dos custos vai da man coa sustentabilidade.
Un milleiro de granxas auditadas
Lactalis auditou máis de 1.000 granxas nos últimos tres anos, o que permite clusterizar tipoloxías, comprender perfís produtivos e orientar recomendacións adaptadas. En paralelo, o CSIC prestou apoio técnico en oficina e en campo, revisando a ferramenta de medición e o procesamento de datos “desde a granxa á compañía”, e propoñendo melloras que reforcen comparabilidade e fiabilidade. Segundo David Yáñez, investigador do CSIC e especialista en nutrición animal, este traballo foi clave para “aliñar ciencia e técnica coa realidade do terreo” e conseguir que a medición sexa útil para transformar.
Este enfoque metodolóxico constrúe unha base obxectiva para tomar mellores decisións de xestión. A medición comparable e a análise por tipoloxías permiten identificar prácticas con impacto directo na eficiencia do modelo produtivo (rendemento alimentario, manexo, fertilización, xestión de puríns, benestar animal) e, con iso, en variables económicas de primeira orde: consumo de insumos, productividade por vaca, estabilidade sanitaria, custos enerxéticos e aproveitamento de recursos. Na práctica, moitas das palancas de redución tamén son palancas de competitividade.
As granxas piloto
O traballo de profundidade materializouse en 16 granxas piloto, seleccionadas para representar distintos perfís e tipoloxías produtivas. Deste piloto xorde o principal resultado do primeiro ano: 27 palancas de redución en ámbitos como fertilización e manexo agronómico, eficiencia de recursos, benestar animal, xestión do esterco ou alimentación do gando, entre outras. Para facilitar a súa aplicación, traducíronse en fichas explicativas e materiais prácticos dirixidos a técnicos e gandeiros, co obxectivo de compartir unha linguaxe común, acelerar a comprensión e facilitar a implantación de medidas de forma realista e gradual.
De xeito complementario, o CSIC vén impartindo formación en alimentación e nutrición animal ao equipo de Lactalis para reforzar capacidades internas e facilitar o escalado.
Acompañamento
O proxecto apoiaase nunha lóxica de colaboración e proximidade coas granxas participantes, imprescindible para que as medidas se integren na operativa diaria. “Imos con moito respecto e proximidade, porque ao final estás entrando na casa de alguén. Por iso é clave construír confianza desde o primeiro momento e explicar ben o propósito: traballar xuntos para identificar oportunidades de mellora e convertelas en medidas útiles e aplicables. A nosa intención é acompañar aos gandeiros, aportando ferramentas e coñecemento para avanzar paso a paso, desde a colaboración e como verdadeiros aliados”, resume o equipo técnico involucrado no piloto.
A ampliación do acordo ata 2033 abre unha segunda etapa centrada na implementación progresiva, o seguimento e a mellora continua, co obxectivo de acelerar reducións reais na orixe, onde se concentra o groso do reto do sector. En paralelo, traballarase en estruturar un sistema de despregamento que permita priorizar medidas por tipoloxía de granxa e, a futuro, habilitar un marco de incentivos orientado a resultados, apoiado nunha base metodolóxica robusta. “Pasar do diagnóstico á acción significa precisamente isto: ter datos fiables, medidas concretas e un plan realista para despregalas cos gandeiros”, subliña José Sáez.
A partir de abril, o proxecto prevé workshops técnicos e formación para traballar as 27 palancas antes do despregamento, a preparación do plan de implementación por tipoloxías e unha fase de saída a campo para comezar o despregamento progresivo, tomando como referencia o punto de partida da medición (2021) e avaliando avances conforme se integren as medidas.