Os recortes de Lactalis, Capsa, Entrepinares ou Inleit nos contratos lácteos acaban na Fiscalía
Unións Agrarias acusa á industria de orquestrar unha baixada no prezo do leite e traer produto desde Francia e Portugal; o Sindicato Labrego Galego presenta denuncias ante a AICA e Competencia
Protesta na planta de Lactalis en Vilalba convocada polo Sindicato Labrego Galego
A renovación dos contratos lácteos de abril desembocou en protestas e denuncias ante diversos organismos como resposta á forte baixada no prezo do leite que puxo sobre a mesa a industria, nun contexto de risco para as granxas pola ameaza dun encarecemento da enerxía. As organizacións agrarias atribúen ás propostas das empresas recortes de entre tres e oito céntimos por litro respecto dos actuais contratos. Unións Agrarias, que impulsou protestas tanto en cadeas de distribución como en fábricas como a de Celta, denunciou ante a Fiscalía unha manobra “orquestrada” para forzar a baixada de prezos. O Sindicato Labrego Galego, que protestou na planta de Lactalis en Vilalba, tamén presentou denuncias ante a AICA (Axencia de Información e Control Alimentarios) e ante Competencia.
O malestar parte das propostas presentadas pola industria para renovar os contratos de subministración. As empresas están presionadas por un contexto de prezos baixos no mercado europeo, por debaixo dos pagados actualmente en España, que condicionan os ingresos polo envasado de excedentes e a nata. Tampouco axuda a caída de prezos da manteiga experimentada ao longo de 2025, nin o impacto da guerra en Irán nos custos.
Estes factores levaron á industria a plantexar importantes rebaixas. Lactalis, que é o grupo que máis leite recolle en Galicia, propón unha baixada de ata 8 céntimos para os próximos catro meses, cun prezo base de 38 céntimos, 4,5 céntimos menos. Capsa, brazo industrial de Central Lechera Asturiana e propietaria da planta de Larsa, modera esta rebaixa cunha proposta tres céntimos menos, fixando en 39 céntimos o prezo base, que podería subir ata un máximo de 45 céntimos coas primas. Estes dous son os grupos con maior volume de recollida na comunidade.
Os dous grandes provedores de Mercadona, Naturleite e Entrepinares, tamén recortan o prezo. O queixeiro con planta en Vilalba propón 45 céntimos por litro, cinco céntimos e medio menos; a filial de Covap, con planta en Meira, baixa ata os 41,5 céntimos máis primas, o que sitúa o prezo máximo tamén arredor dos 45 céntimos.
Inleit, que acaba de cambiar a súa estrutura de propiedade co ascenso da estadounidense Rich’s como primeiro accionista, está, xunto a Lactalis, entre as máis agresivas, ao propoñer unha rebaixa de sete céntimos e levar o prezo base aos 40 céntimos por litro. Reny Picot e Lence tamén plantexan prezos máximos arredor dos 45 céntimos, ao sumar as primas a un prezo base de 40 céntimos.
Denuncia ante a Fiscalía
Ante este escenario, representantes de Unións Agrarias fixeron entrega na Fiscalía galega dunha denuncia contra as industrias por “abaratar o prezo” que se abona en Galicia mediante a introdución de leite desde Francia e Portugal. A organización leva denunciando días esta situación. En declaracións aos medios de comunicación, Óscar Pose, responsable do sector lácteo de Unións Agrarias, asegurou que se presenta a denuncia para que se abra unha investigación por parte do Ministerio Público e ante o que consideran “uns feitos delituosos”.
“Fano desde o pasado mes de agosto que se asinou o anterior contrato lácteo, é unha manobra orquestrada para baixar o prezo do contrato a partir do 1 de abril“, dixo Pose, que sitúa entre “o 150 e o 200%” o incremento da importación de leite. “Galicia é deficitaria, necesita leite pero non se pode permitir que se use de forma ilegal para baixar o prezo de aquí, cando hai falta dun produto ten que incrementar o prezo e non baixalo”, advertiu.
Respecto aos contratos, fala dunha manobra orquestrada da industria xa que presentan “a mesma baixada e a mesma duración de catro meses”.
Protesta en Lactalis
Gandeiros do Sindicato Labrego Galego (SLG) protestaron ante a fábrica de Lactalis en Vilalba contra a baixada no prezo do leite que propón a multinacional, que comercializa marcas como Puleva, Ram, El Ventero ou Président. A organización informou alí de que presentou denuncia ante a AICA e ante Competencia.
“Non existen realmente indicadores no mercado que fagan pensar nunha baixada do prezo do leite, trátase dunha artimaña das empresas para baixar o prezo na orixe. Os datos indican unha subida mínima de produción nun contexto onde pechan moitas granxas co cal non podemos falar de excedente de leite, só ten explicación se pensamos que pretenden traer leite de fóra ou que queren aumentar o seu beneficio a costa dos de sempre”, censura o secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez.
Alerta de que a subida de custos de produción “é a tormenta perfecta para que sigan desaparecendo granxas”, xa que “á baixada especulativa das fábricas, súmase a subida especulativa inmediata, coa excusa da guerra, de insumos, como o gasóleo”. E é que nos últimos días o litro de combustible para vehículos agrícolas pasou de 0,80 euros por litro a 1,60 euros, ao que se suma o incremento de fertilizantes ou plásticos.