O porto da Coruña bate récord en cruceiros por cuarto ano e Langosteira mantén os seus tráficos.
En 2025 o porto da cidade herculina experimentou un crecemento no tráfico de cruceiros do 14%, con 184 escalas e 465.199 pasaxeiros, mentres que Punta Langosteira mantiña os seus tráficos por riba dos 8 millóns de toneladas.
Cruceros no porto da Coruña. Autoridade Portuaria da Coruña
O porto de A Coruña pechou o 2025 alcanzando un novo récord, o cuarto consecutivo, nas estatísticas de cruceiros con 184 escalas e 465.199 pasaxeiros. Esta cifra supón un incremento do 14% respecto á colleitada en 2024, cando se rexistraran 406.613 pasaxeiros en 168 escalas. “En canto a cruceiros, A Coruña mantén a súa lideranza na cornixa cantábrico-atlántica”, explican desde a Autoridade Portuaria, que cifran en 40 millóns de euros anuais o impacto económico, sumando o gasto directo que realizan os turistas e os tripulantes e toda a repercusión nas empresas portuarias e os servizos de transporte, seguridade, sanidade, avituallamentos etc.
“A Autoridade Portuaria seguirá apoiando este tráfico e en 2027 será un dos primeiros portos de España en ofrecer o sistema de subministración eléctrica aos buques, moi valorado polas navieiras ao acompañalas na súa aposta pola sostibilidade”.
Por outra banda, o porto exterior consolidou o pasado exercicio as “extraordinarias” cifras do ano anterior con 8,3 millóns de toneladas de mercadorías cargadas e descargadas, que o mantén como “a primeira dársena de Galicia”, sendo o petróleo e os produtos agroalimentarios os principais grupos de actividade en Punta Langosteira.
O porto destaca o repunte da pesca, que en 2025 aumentou un 14% ata as 26.453 toneladas. En consecuencia, tamén se incrementou a facturación na primeira venda dos produtos pesqueiros, que pasou de 64,2 a 75,2 millóns de euros. “É a primeira subida desde 2017, aínda que a Autoridade Portuaria segue con preocupación polas dificultades que afectan ao sector e os recortes que se anunciaron nas cotas, especialmente a xarda e o lirio, que representan o 20% das descargas na Lonxa coruñesa”.
Respecto ao tráfico de mercadorías, o 2025 pechouse con 13,8 millóns de toneladas fronte aos 14,7 que se alcanzaran o ano anterior. Esta cifra supón un descenso do 6,23%, “aínda que hai que ter en conta que 2024 fora o cuarto mellor ano de toda a serie histórica, con récords en graneis líquidos, cruceiros e operacións no porto exterior”.
Na súa balance do 2025 a Autoridade Portuaria destaca o acordo con Repsol, para completar o traslado da súa terminal marítima ao Porto Exterior; a solicitude de Exolum para investir máis de 100 millóns de euros nunha planta de graneis líquidos en Langosteira; o avance nas obras do acceso ferroviario e a licitación do Máster Plan de Coruña Marítima, coa concorrencia de 14 UTEs de primeiro nivel internacional das que se está ultimando a súa valoración para seleccionar as cinco propostas finalistas.