Stellantis sae dos números vermellos e supera os 375 millóns de beneficio no primeiro trimestre
O fabricante de coches con planta en Balaídos incrementou os ingresos netos un 6% interanual ata acadar os 38.100 millóns, grazas á mellora do rendemento en Norteamérica, así como aos avances en Europa, Oriente Medio e África.
Stellantis, Nvidia, Uber e Foxconn acordan unha colaboración para servizos de robotaxi
Stellantis, o fabricante de coches con planta en Balaídos, pechou o primeiro trimestre do ano con un beneficio neto de 377 millóns de euros fronte ás perdas de 387 millóns de euros do mesmo período do ano anterior, segundo informou este xoves antes da apertura do mercado bursátil.
O grupo automobilístico franco-italiano explicou que este bo resultado “reflicte principalmente un aumento do volume de vendas e un mellor desempeño operativo”.
Á súa vez, a compañía confirmou as súas previsións para 2026 e mantén que espera un incremento porcentual dun díxito nos ingresos, así como unha mellora do fluxo de caixa libre (onde se inclúen 2.000 millóns de euros en pagos en efectivo relacionados cos cargos do segundo semestre de 2025).
“Os primeiros tres meses de 2026 reflicten os resultados iniciais das nosas accións para que Stellantis retome un crecemento sostible e rendible. Os produtos que lanzamos en 2025 tiveron unha excelente acollida e confiamos en que os 10 novos vehículos previstos para 2026 consolidarán este impulso”, afirmou o conselleiro delegado de Stellantis, Antonio Filosa.
Os ingresos netos aumentaron un 6% interanual ata acadar os 38.100 millóns de euros, grazas á mellora do rendemento en Norteamérica, así como aos avances en Europa, Oriente Medio e África.
Facturación de Stellantis por mercados
Por mercados, a facturación en Norteamérica creceu un 11%, ata 16.114 millóns de euros impulsada por maiores volumes, unha mellor combinación de produtos e prezos netos positivos, parcialmente compensada por impactos cambiarios desfavorables.
En Europa, os ingresos netos aumentaron un 1%, ata 14.375 millóns de euros, impulsados por maiores volumes, o cal se viu contrarrestado en gran medida por prezos netos negativos e unha composición desfavorable.
En Oriente Medio e África, as vendas impulsáronse un 4% interanual, mentres que a compañía tivo un peor desempeño en Sudamérica e Asia Pacífico, con caídas na facturación do 2% e o 10%, respectivamente.
Por outra banda, o resultado operativo axustado foi de 960 millóns de euros, o que supón triplicar a cifra alcanzada pola compañía no primeiro trimestre de 2025. A marxe Ebit axustada foi do 2,5% (fronte ao 0,9% do ano anterior).