Rueda ve “máis preto” de Galicia a factoría de coches eléctricos de SAIC, pero pide “prudencia”
O presidente da Xunta admite que o “obxectivo” da súa viaxe a China era conseguir atraer a nova planta europea da propietaria de MG ou doutra compañía da automoción asiática.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou na súa xira chinesa unha fábrica de baterías de SAIC, grupo de automoción propietario da marca MG. Foto: Xunta
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que, tras a súa viaxe a China, ve “máis preto” a opción de que unha fábrica de SAIC Motor ou doutra compañía da automoción chinesa poida instalarse en Galicia e admitiu que ese era “o obxectivo” da súa viaxe. Non obstante, o dirixente apelou á “prudencia” ata que se confirme, se isto ocorre.
Despois de que, no transcurso da súa xira por China, e tras reunirse co presidente e directivos da compañía propietaria de MG, trascendese que a mesma seleccionou España para acoller a súa primeira fábrica de vehículos eléctricos en Europa, os rumores sobre a posibilidade de que a fábrica se ubique en Galicia disparáronse. En todo caso, a Xunta indicou que, de momento, non había nada pechado. Nos meses pasados, SAIC xa mostrara o seu interese polos terreos do polo loxístico de Salvaterra-As Neves, a Plisan.
“Creo que foi un acerto estar alí”
“Queríamos establecer contactos persoais e que os máximos responsables de empresas moi grandes nos escoitasen en primeira persoa e con datos e con tempo para expoñelo”, esgrimiu, para engadir que se o obxectivo final se cumpre verase.
“Eu pedín prudencia desde o principio e sigo pedíndoa. Pensei que era oportuno viaxar e expoñer as vantaxes de Galicia en primeira persoa, e creo que foi un acerto estar alí. Podemos dicir que fixemos todo o posible para facelo o mellor posible. O resultado final non me corresponde a min adoptalo e pido prudencia ata que se tome unha decisión final, no sentido que sexa”, rematou.
Ao tempo, aludiu á viaxe da líder do BNG, Ana Pontón, e a que esta destacou o “potencial” da industria galega. “Todo o contrario do que se di aquí. Está ben, eu sempre digo que o nacionalismo é algo que se cura viaxando e se iso implica falar ben de Galicia no exterior, benvido sexa”, ironizou.
Altri
Sobre o arquivo definitivo de Altri, Rueda asegurou non coñecer o día concreto no que se vai materializar porque non está “no día a día” dese expediente.
Iso si, dixo que se a empresa fixo “algún alegación ou consideración” esta “será valorada e tida en conta” antes de tomar “unha decisión final”. “Pero non teño os datos concretos nin os detalles dos prazos das resolucións que corresponde tomar”, indicou.