Telefónica mobiliza 200 operarios para manter o servizo na onda de incendios.
A operadora asegura que a infraestrutura afectada polo lume é, por agora, mínima, aínda que está implementando solucións temporais de conectividade nas zonas máis afectadas polos incendios.

ncendio forestal se acerca a Vilela, a 15 de agosto de 2025, en Vilela, Cualedro, Monterrei, Ourense, Galicia. Rosa Veiga / Europa Press
As grandes telecos puxeron en marcha plans especiais para poder preservar o servizo nas áreas máis afectadas polos incendios. Entre elas Telefónica, que mobilizou un equipo de máis de 200 persoas, unidades móbiles e, polo de agora, máis de 30 solucións temporais de conectividade para garantir a conectividade nos territorios do Estado castigados polas chamas.
A compañía explicou que o obxectivo prioritario deste operativo é o de manter a cobertura de comunicación para os equipos de extinción, os postos avanzados de emerxencias, hospitais, centros de saúde e poboacións. Entre as medidas adoptadas pola operadora inclúense equipos satelitais, mochilas conectadas aos satélites, reforzo de conectividade móbil nas torres e antenas, así como radioenlaces de emerxencia.
Unidades móbiles
Telefónica tamén despregou unidades móbiles equipadas con antenas e tecnoloxía para ofrecer conectividade inmediata, e instalou grupos electróxenos en estacións base para asegurar o subministro eléctrico. A teleco informou ademais de que este operativo está coordinándose “de forma estreita” coas distintas institucións e as Forzas de Seguridade para que os técnicos traballen con seguridade e avancen na reposición de calquera elemento da rede danada polo lume.
“Dende o primeiro momento, Telefónica deu prioridade a garantir a cobertura móbil para os equipos sobre o terreo, os centros de coordinación e os servizos sanitarios. Unha vez asegurada a zona, os esforzos centráronse, cando foi necesario, en restablecer a conectividade xeral o antes posible, reparando calquera infraestrutura afectada, que, polo de agora, foi mínima”, subliña a operadora nun comunicado.