Os ‘xefes’ de Navantia no Reino Unido: directivos da casa para o contrato da Royal Navy e externos para a eólica mariña
O grupo público incorpora ao exdirector de Operacións de Global Energy Group para dirixir o estaleiro de Methill e mantén a Albert Allan, contratado por Harland & Wolff antes da quebra, á fronte de Arnish, o outro centro enfocado á enerxía e á eólica mariña.
Navantia supera a Revisión Crítica do Deseño (CDR) do contrato dos buques FSS coa Royal Navy.
Navantia completou o puzzle de executivos para pilotar os catro estaleiros que integrou ao rescatar da quebra a Harland and Wolff, os estaleiros británicos que ensamblaron o Titanic. A operación, que tiña como principal obxectivo salvar o contrato de 1.850 millóns para construír tres buques de apoio loxístico para a Royal Navy –o programa FSS–, supuxo a creación da primeira estrutura industrial do grupo público en terras estranxeiras, conformada polos centros de Belfast, Appledore, Methil e Arnish.
A compañía acaba de fichar ao director do estaleiro de Methil para a nova etapa. Trátase de Steve Chisholm, quen foi director de Operacións e Innovación en Global Energy Group. “Steve liderou importantes programas de fabricación en diversos sectores, xestionou o deseño e a planificación da construción dunha planta de fabricación de torres eólicas de última xeración e desempeñou un papel fundamental na consecución do proxecto Inverness and Cromarty Firth Green Freeport, unha iniciativa que se prevé atraia máis de 3.000 millóns de libras esterlinas en investimentos e cree máis de 10.000 postos de traballo”, dixo Navantia UK nunha nota de prensa cando anunciou a súa incorporación esta semana.
Chisholm é unha figura relevante no sector enerxético do Reino Unido, onde presidiu o Grupo de Traballo da Cadea de Subministración de Enerxías Renovables entre 2021 e 2024 e formou parte do equipo que desenvolveu o programa de eólica mariña do país. Dirixirá un estaleiro enfocado, precisamente, ao subministro de infraestruturas enerxéticas desde Escocia.

Steve Chisholm / Navantia UK
O outro centro de fabricación británico de Navantia enfocado ao mercado enerxético é o de Arnish, onde o grupo prevé producir compoñentes e estruturas para eólica mariña. “Arnish é unha instalación cunha sólida traxectoria na fabricación complexa en alta mar e un cadro altamente cualificado. Navantia UK está a aproveitar estas fortalezas para garantir que Arnish estea na mellor posición para futuras oportunidades en todo o mercado enerxético, incluída a enerxía eólica mariña, creando empregos de alta calidade e a longo prazo para a comunidade», dixo en marzo Donato Martínez, o CEO da filial británica de Navantia, con motivo da concesión dunha axuda pública de algo máis de 2 millóns para reforzar as instalacións escocesas.
Á fronte deste estaleiro está tamén unha nova incorporación do grupo, aínda que non exactamente un fichaxe. Trátase de Albert Allan, un executivo que traballou en Mott Macdonald e na Oman Construction Company, e un antigo futbolista do Ross County. Harland and Wolff incorporouno en 2021 e púxoo á fronte de Arnish. Navantia mantívoo no posto.
