Navantia estreou os drons en Fene para inspeccionar as súas estruturas para a eólica mariña
A empresa pública completou a primeira inspección visual dun jacket mediante un dron autónomo, o que "aportará unha maior eficiencia e seguridade".
Estaleiro de Navantia en Fene. Navantia
Novo fito no estaleiro de Navantia Seanergies en Fene. As instalacións da Ría de Ferrol acolleron a primeira inspección visual dunha estrutura eólica mariña -un jacket- mediante un dron aéreo autónomo, un desenvolvemento tecnolóxico propio que conta co respaldo das principais sociedades de clasificación do sector offshore, Bureau Veritas, DNV e Lloyd’s Register.
A proba contou coa presenza de representantes das tres entidades certificadoras, permitiu comprobar as capacidades do sistema, froito dun proxecto de innovación entre Navantia Seanergies e o Grupo de Investigación de Robótica, Visión y Control da Universidade de Sevilla, vinculado á Asociación de Investigación y Cooperación Industrial de Andalucía (AICIA).
Ao longo desta xornada, as imaxes captadas polo dron proxectáronse en tempo real nunha sala do estaleiro, ofrecendo aos asistentes tanto visión normal como distintos niveis de ampliación -zoom óptico de ata x40 e dixital de x80-, o que posibilitou a detección e localización precisa de defectos. Verificouse ademais que un zoom de x5 equivale á capacidade visual dun operario experto, conforme aos estándares normativos do sector.
Máis eficiencia e seguridade
“O sistema achegará unha maior eficiencia e seguridade ao proceso de inspección final de unidades offshore de grandes dimensións con clientes e sociedades de clasificación”, afirmou a directora do estaleiro de Navantia Seanergies Fene, Carla Chawla.
Na mesma liña, María Antonia Gálvez, responsable de desenvolvemento de negocio de DNV, cualificou a innovación como un “salto cualitativo e cuantitativo incrible que mellorará a calidade e a seguridade nas inspeccións”. Pola súa banda, Javier González, responsable de eólica flotante de Bureau Veritas, subliñou “o aforro en horas de traballo de inspectores e operarios”.
Esta iniciativa forma parte da estratexia do Centro de Excelencia de Navantia Seanergies (Coex Green Energies) e dos obxectivos de transformación, modernización e dixitalización do estaleiro de Fene. O proxecto dá continuidade a colaboracións previas como ePark+, orientado ao desenvolvemento de solucións para a inspección autónoma en parques eólicos mariños.
Tras a demostración, os participantes mantiveron unha posta en común para planificar os seguintes pasos, que inclúen a capacitación do estaleiro no uso desta tecnoloxía coa vista posta na súa integración progresiva nos procesos de inspección industrial.