A contrarrevolución de Donald Trump

Do “Liberte, Egalité, Fraternité” ao “Make America Great Again”: con Donald Trump na Casa Branca o cambio de réxime está a suceder, estáse a reverter o conseguido desde a Revolución Francesa.

Arquivo – O presidente dos EUA, Donald Trump

Señoras, señores, estamos definitivamente asistindo a un cambio de réxime. A presidencia de Donald Trump ambiciona o desmantelamento da orde establecida que é considerada corrupta, obsoleta ou contraria aos intereses do goberno Trump. Comparémolo, a grandes trazos, co sucedido coa Revolución Francesa (1789) e vexamos como as semellanzas son terriblemente evidentes, pero ao revés.

Así, temos o ámbito da lexitimidade da propia acción revolucionaria. Na Francia de finais do século XVIII foi a procura da soberanía por parte do pobo a que impulsou e uniu o espírito arredor dese ben lexítimo que ansiaba dereitos universais e unha constitución para protexer o pobo fronte ao rei absolutista. Neste caso Trump entende que o seu propio partido e máis particularmente o movemento MAGA lle confire a lexitimidade necesaria para facer todo o que se lle ocorra. Accións que, en ningún caso, son valoradas con outro prisma que non sexa o da conveniencia persoal ou dalgúns poucos (empresarios) amigos. Estaríamos, pois, ante unha involución clara: o poder chega ao pobo desde o rei absolutista coa Revolución Francesa, e agora o poder parece volver a un “rei” que decide individualmente e para uns poucos amigos.

Outro elemento de comparación podería ser o da erosión das institucións. A Revolución Francesa pretendía acabar co que representaba tanto a realeza como a Igrexa como institucións do Estado, quería eliminar o seu poder e a súa influencia. Neste caso a acción de goberno de Trump está minando o crédito das institucións estadounidenses desde dentro, tanto a nivel operativo ou de fondos, cos seus despedimentos masivos da Administración, como a nivel estratéxico coa súa intervención co nomeamento de xulgados (vitalicios) afíns e coa cuestionable selección de membros para o seu goberno ou a utilización do aparello do Estado para realizar detencións indiscriminadas e sementar o terror social mediante o ICE.

Pero como vemos a erosión das institucións por parte de Trump vai máis alá das súas fronteiras. Cara ao exterior o goberno estadounidense está atacándonos coa financiación de partidos antisistema e de extrema dereita e coa guerra económica e arancelaria que teñen como obxectivo principal o fin da Unión Europea. Ademais, xa non hai legalidade internacional, activan accións bélicas e atacan a soberanía doutros países sen xustificación internacional previa e sen buscar o amparo legal internacional.

Un elemento crítico de contrarrevolución é o proceso de procura e outorgamento da “verdade”. A ilustración baseaba no método científico rigoroso a procura da verdade. Trump e o seu goberno degradan a ciencia ao escalón opinático, do todo vale e todo é igual. Para Trump as conclusións científicas son interesadas (políticas) e segundo el obedecen a uns fins (políticos) e ante os que se poden propoñer “feitos alternativos”. O desenvolvemento científico que pretende o coñecemento é suplantado por intereses político-económicos onde todo vale.

A reversión do laicismo do Estado é evidente. A Revolución Francesa conseguiu separar o concepto de Estado da influencia e control que sobre o mesmo tiña a Igrexa. Está claro que Trump está apoiándose nos líderes das distintas confesións relixiosas para recoller apoio “divino” e confesional ademais de electoral, e, mesmo, para buscar a lexitimación “espiritual” do seu mandato. Lembremos a recente e vergonzante foto deste mes de febreiro no Despacho Oval a modo de imposición de mans sobre o líder “supremo”.

Para Trump o multilateralismo só é bo se serve aos seus intereses (OTAN e o 5% mínimo de gasto en defensa establecido polo goberno estadounidense). Son numerosas as retiradas de fondos por parte do goberno de Trump de programas de axuda internacional argumentando que son terroristas ou que non lles convén. Ou mesmo de convenios internacionais como o Acordo de París e o cuestionamento sistemático da existencia do cambio climático. Trump persegue un “corpo a corpo” con cada nación, reto para o que se ve gañador: os aranceis non son máis que un exemplo do bilateralismo que ansían os EE UU de Trump, como “negociador-empresario xefe” da economía mundial.

Moito coidado. Trump acaba de avisarnos: “quen queira petróleo que o vaia buscar a Ormuz”. Tras a guerra de Ucraína a UE cambiou como socio enerxético preferente á Rusia de Putin polos EE UU de Trump. Volvemos repetir o erro. Dependemos, agora, dos EE UU para encher os nosos depósitos de gasolina e diésel. Trump sabeo, e posiblemente non teña escrúpulos para tensionar aos países da UE ata límites antes nunca vistos. Ou abandonamos os combustibles fósiles ou non haberá futuro nin como estados soberanos nin como Unión Europea.

Comenta el artículo
Sigue al autor

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp