A educación que non comprendemos
Os estudantes de PISA 2026 naceron en 2009. Son a primeira xeración que medrou cun smartphone na man desde os dez anos. A primeira que viviu a lectura como un obstáculo. A primeira que foi educada nun entorno de estímulos constantes, interrupcións permanentes e atención fragmentada.
Varios nenos de camiño á escola na entrada do colexio, a 7 de setembro de 2026, en Madrid (España) – Carlos Luján / Europa Press
Os titulares foron de alarma, afundimento, retroceso histórico… España obtén en PISA 2026 os peores resultados desde que existe a proba. E, con todo, se nos detemos un momento e lemos máis alá do titular, descubrimos que o problema non é só español. É máis profundo, máis estrutural, máis inquietante. É un síntoma dalgo que levamos anos sen querer mirar.
A OCDE dilo cunha claridade que debería incomodarnos: hai unha “baixada continuada” nas capacidades académicas do mundo desenvolvido desde hai unha década. Non é un bache. Non é unha mala edición. Non é a pandemia. É unha tendencia sostida. E España cae máis que a media (lembremos que a educación formal é competencia das comunidades autónomas), pero dentro dun movemento global que afecta mesmo a Xapón, Corea e Estonia, os tres países que tradicionalmente encabezan a proba.
Os datos son contundentes: España perde 23 puntos en lectura, 16 en matemáticas e 8 en ciencias respecto a 2022. E lembremos tamén que, segundo a OCDE, 20 puntos equivalen a un curso escolar. É dicir, en lectura, retrocedemos máis dun ano. En matemáticas, case un. En ciencias, medio.
Galicia, por certo, tampouco escapa á tendencia. Retrocede menos que a media española, pero o deterioro está aí. Non é unha excepción nin un oasis, senón outro reflexo da mesma transformación cognitiva que atravesa a xeración nacida en 2009. Resistir un pouco mellor non significa estar a salvo. Pero o máis grave non é a cifra. O máis grave é o patrón.
Un terzo do alumnado español non alcanza o nivel mínimo de competencia en matemáticas nin en lectura. Non poden identificar a idea principal dun texto moderado. Non poden comparar dúas rutas alternativas. Non poden converter prezos a outra moeda. Non poden manter a concentración. Non poden perseverar ante unha tarefa difícil. E isto non é unha crítica moral, senón unha descrición técnica do informe.
A OCDE sinala as causas cunha precisión que debería abrir un debate nacional serio: os alumnos non len por pracer, perden a capacidade de concentración sostida, empeora a disciplina nas aulas, crece a diversidade sen recursos axeitados, e —a frase é literal— “dedican demasiado tempo ás pantallas uns rapaces que naceron en 2009 e medraron rodeados de smartphones”.
Aquí está o núcleo do problema. Non é a lei educativa. Non é o currículo. Non é a metodoloxía. Non é a eterna guerra cultural entre pedagogías. É algo máis profundo: a transformación do ecosistema cognitivo da infancia e a adolescencia.
Os estudantes de PISA 2026 naceron en 2009. Son a primeira xeración que medrou cun smartphone na man desde os 10 anos. A primeira que viviu a lectura como un obstáculo. A primeira que foi educada nun entorno de estímulos constantes, interrupcións permanentes e atención fragmentada. A primeira que interiorizou que o esforzo é opcional, que a perseveranza é negociable, que a concentración é un luxo.
E o informe confírmao: os estudantes amosan “dificultades crecentes coas tarefas que requiren concentración sostida, unha maior tendencia a dar respostas precipitadas, unha menor disposición a esforzarse e unha diminución da curiosidade e a perseveranza”. Isto non é un problema escolar. É un problema social e cultural.
Levo máis de trinta anos de profesor universitario. A metade deles impartindo “Socioloxía da Educación”. Vin como cambiaba a atención, como se erosionaba a lectura profunda, como se transformaba a relación co esforzo. Hai uns anos publiquei un manual sobre a socioloxía educativa e vexo que moitos dos procesos apuntados aceleráronse.
A escola está intentando ensinar nun ecosistema que desfai o que ensina. Os docentes piden máis recursos —e os necesitan, porque case a metade dos centros declara déficit de profesorado e o 72 % falta de persoal de apoio— pero, mesmo con máis recursos, o problema segue aí: a erosión da atención como capacidade humana.
E aquí convén elevar a mirada. A educación non é só transmisión de contidos, senón un ecosistema de interrelacións, de hábitos, de coidados, de interdependencia. A escola non pode soster soa a reconstrucción cognitiva dunha xeración que medrou en ecosistemas dixitais hiperestimulados. A lectura profunda, a disciplina, a perseveranza e a capacidade de concentración non se ensinan, senón que se cultivan. E cultívanse en comunidade, entre todos.
Desde hai meses puxemos en marcha Atlas Educa, un proxecto que dirixo, baseado na miña metodoloxía, que tenta observar e comprender o ecosistema da educación real na sociedade: as concepcións, formas, fontes, funcións e actores educativos que operan máis alá da aula e que condicionan a atención, a lectura, o esforzo e a relación das persoas coa aprendizaxe.
A enquisa online está aberta en www.atlaseduca.com. Pretende ser un espello e o que reflicte non é a escola: somos nós. Seguramente non sexamos un desastre educativo, pero veremos que nos depara o noso primeiro informe sobre a educación en España.