A Xunta ameaza con levar aos tribunais a condonación de 4.000 millóns de débeda a Galicia

O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, di que é unha "mutualización" da débeda de Cataluña para que a pague o resto das comunidades; Tellado anticipou que a rexeitarían todos os territorios gobernados polo PP, "aínda que lles beneficie".

La vicepresidenta primera y ministra de Hacienda, María Jesús Montero / Europa Press

O Consello de Ministros aprobou este martes o anteproxecto de lei orgánica para a condonación parcial da débeda ás comunidades autónomas, que suporá que o Estado asuma un total de 83.252 millóns de euros. No caso de Galicia a quita suporía reducir 4.010 millóns de pasivo e aforrarse os correspondentes intereses. O montante total da débeda reduciríase nun 33%.

Con todo, a Xunta rexeitou desde o primeiro momento esta medida. Alfonso Rueda dixo este luns que a quita “é un negocio ruinoso” para Galicia, porque interpreta que se reparte a totalidade da débeda entre os territorios. Deste xeito, os que estean por debaixo da media en endebedamento saen perdendo e os outros gañando. Entre eles comunidades do PP como Andalucía ou a Comunidade Valenciana.

Este martes, o propio Miguel Tellado adiantou que os territorios gobernados polo seu partido non solicitarán a quita “aínda que lles beneficie”. Xustificouno argumentando que é unha medida que beneficia “aos que peor xestionaron” e que “rompe o trato igualitario entre españois”. “Os presidentes autonómicos do Partido Popular van defender o interese xeral da nosa nación e desde logo a quita non arranxa absolutamente nada é simplemente un pago máis que fai Sánchez ao independentismo para continuar no poder”, dixo en RNE.

A Xunta estuda “todas as vías”

O Goberno galego, amalgamado no relato de Génova, está incluso disposto a levar a condonación aos tribunais. O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, dixo que estudarán todas as vías posibles, sen descartar a xudicial. O conselleiro mostrou o seu “rexeitamento” ao considerala unha “mutualización” da débeda de Cataluña ao resto de comunidades e ampliou que estudarán “todos os instrumentos que teñen ao seu alcance”.

“Unha condonación é cando quen ten que cobrar esa débeda decide non cobrala e non pasa nada. Neste caso trátase de que o Goberno decide non cobrarlle a Cataluña unha débeda –aínda que a maior condonación sería realmente a Andalucía–, pero decide que a pague o resto dos españois. Polo tanto, cada galego vai facerse cargo dunha importante cantidade de millóns de euros“, reprochou Calvo.

O conselleiro reafirmou que “explorarán todas as medidas” contra a condonación. “O primeiro que temos que facer é instrumentar todos os recursos ao noso alcance para poder reverter esa situación”, concluíu.

O Goberno di que non hai agravio

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, sostivo no Consello de Ministros que “é falso que a condonación beneficie a Cataluña e prexudique ao resto de España”. A tamén vicepresidenta primeira sinalou que o aforro en materia de intereses para os gobernos rexionais entre 6.600 e 6.700 millóns de euros, que a partir de agora poderán ir dirixidos a reforzar políticas sociais como sanidade, educación ou dependencia. Segundo explica, o 75% dos 83.252 millóns que o Estado está disposto a absorber, é dicir, uns 60.000 millóns, repartiranse polo indicador de “poboación axustada”, o que arroxará unha condonación media do 19% da débeda autonómica.

“Dito doutro xeito: con esa aproximación, o Estado queda case co 20% do conxunto da débeda do subsector comunidades autónomas cunha situación asimétrica, dependendo da situación de partida de cada territorio”, engadiu. A vicepresidenta, que remarcou que a proposta é “voluntaria” para os gobernos rexionais, insistiu en que “é falso” que a condonación da débeda “beneficie a Cataluña e prexudique ao resto de España”. “Dos 83.252 millóns case 60.000 corresponden a débeda de comunidades gobernadas polo PP. É dicir, 7 de cada 10 euros que se condonan benefician a territorios gobernados polo PP”, aduciu.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta