A Xunta critica ao Goberno polo decreto sobre repotenciación eólica e pide retirar o recurso contra o plan galego.
A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, cualifica de "irresponsabilidade absoluta" e de "fraude aos galegos" que o Consello de Ministros aprobe un decreto para a repotenciación de parques cando hai unhas semanas presentou un recurso de inconstitucionalidade sobre a normativa galega.
Imagen de archivo de un parque eólico de Iberdrola / Iberdrola
María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria, reclamou ao Goberno que retire o recurso de inconstitucionalidade presentado contra a normativa galega sobre repotenciacións de parques eólicos. A petición chega despois de que este martes o Consello de Ministros dese luz verde a un decreto para a repotenciación destes parques a nivel estatal, algo que a conselleira cualificou de “fraude aos galegos”.
Lorenzana considera “unha irresponsabilidade absoluta” que o Executivo central aprobe agora esta norma cando hai poucas semanas presentou un recurso de inconstitucionalidade “contra Galicia” por este motivo. “Cunha man, o Consello de Ministros aprobaba hai nada presentar un recurso de inconstitucionalidade contra Galicia e, agora mesmo, con outra man, hoxe aproba esa mesma norma regulando a repotenciación obrigatoria dos parques eólicos en España”.
A conselleira detallou que levan tempo dicindo que dito recurso de inconstitucionalidade “non favorece nin á industria de Galicia, nin ao noso desenvolvemento enerxético nin, por suposto, tampouco aos fogares, as familias e as industrias, en canto que teremos menos enerxía para poder baixar a factura da luz dos galegos e teremos máis impacto no territorio”.
A titular de Industria subliñou que agora “demóstrase que era un recurso de inconstitucionalidade do señor Sánchez contra Galicia” pois o que regula a Xunta é inconstitucional mentres que o Consello de Ministros pode regulalo para toda España. Neste sentido, a conselleira criticou a “dobre moral” do Executivo de Sánchez e asegurou que “é unha mostra máis da falta de rigor e de responsabilidade que ten coas comunidades autónomas”.