Besteiro inaugura o curso político e ve a un PP «negacionista e negligente» tras a onda de incendios
"A maior traxedia non foron só os incendios, senón que a súa xestión quedase en mans dun PP incompetente, que sempre mira para outro lado e nunca asume os seus erros", denunciou o secretario xeral dos socialistas galegos.

José Ramón Gómez Besteiro, durante la inauguración del nuevo curso político / PSdeG
O secretario xeral do PSdeG inaugura o curso político en Ourense. José Ramón Gómez Besteiro mantivo este luns un encontro con alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas de toda Galicia, así como cos presidentes das deputacións de Lugo e de A Coruña, José Tomé, e Valentín González Formoso, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela.
Besteiro subliñou que a cita responde a unha promesa feita ao alcalde de Vilamartín de Valdeorras durante a súa visita á zona afectada polos incendios a pasada semana. “Cometinme a convocar de inmediato unha reunión cos alcaldes e alcaldesas socialistas para analizar o sucedido e preparar a nosa resposta política. E hoxe cumprimos esa palabra”, esgrimiu.
No encontro estiveron presentes os rexidores de Vigo, Monforte de Lemos, Cerceda, Ribeira de Piquín e contaron con especial presenza aqueles pertencentes aos municipios máis afectados polos lumes na provincia de Ourense.
O líder dos socialistas galegos defendeu que “a prioridade” durante a onda de incendios foi “apagar os lumes e protexer vidas e bens”, pero que agora é o momento de pedir responsabilidades. “A maior traxedia non foron só os incendios, senón que a súa xestión quedase en mans dun PP incompetente, que sempre mira para outro lado e nunca asume os seus erros”, lamentou.
Neste sentido, Besteiro lembrou que a Xunta ten “competencias exclusivas” en prevención e extinción, e que a súa xestión foi “un fracaso absoluto”. “En 2018 aprobamos 123 medidas nun ditame conxunto sobre incendios. O PP tivo sete anos para aplicalas e non fixo nada. O resultado vímolo este agosto: montes abandonados, falta de medios e un rural desprotexido”, censurou.
Denunciou tamén a actitude “negacionista e neglixente” do PP ante a “emerxencia climática”, antes de advertir que “non se pode combater unha emerxencia global con un goberno autonómico instalado na propaganda e na improvisación”. Baixo o seu punto de vista, urxen “planificación, prevención e recursos, non máis escusas”.
A financiación municipal e o pacto de Estado contra o cambio climático
Na axenda da reunión tamén se incluíron cuestións como a financiación municipal e autonómica, a cohesión territorial e o apoio aos concellos que asumen competencias impropias sen fondos suficientes. “Os concellos están soportando cargas que non lles corresponden e que a Xunta non financia. É hora de falar en serio de recursos, de servizos e de futuro para o rural”, apelou.
Por último, preguntado polos medios acerca de se cre que Rueda estará a favor do pacto de Estado contra o cambio climático anunciado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e se o PP o apoiará, instou a que haxa unha resposta favorable, pero manifestou as súas dúbidas.
“Rueda debe facelo, pero dubido moito que o vaia facer. Levan 17 anos no poder e nin sequera puxeron en marcha as recomendacións que eles mesmos aprobaron. O PP é incapaz de pasar da foto á acción”, advertiu. No encontro tamén interviñeron a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; a portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista no Parlamento, Carmen Rodríguez Dacosta; e o secretario provincial dos socialistas, Álvaro Vila.