Besteiro pide unha comisión de investigación polos acordos de Altri coa Xunta e denuncia «oscurantismo»
O líder dos socialistas galegos considera "extremadamente grave" que a firma do memorando con Altri se efectuase "sen control político nin transparencia pública".
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en rolda de prensa / PSdeG
O secretario xeral do PSdeG eleva o ton contra a Xunta de Galicia por mor dos seus acordos con Altri. José Ramón Gómez Besteiro esixiu este xoves a posta en marcha dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia para aclarar as circunstancias nas que se asinou o memorando de entendemento entre o Goberno autonómico e a compañía portuguesa.
A través dun comunicado, Besteiro reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que ofreza explicacións públicas sobre o acordo que o propio Goberno galego admite agora que se asinou á marxe do control administrativo. Ao seu xuízo, a gravidade das informacións coñecidas obriga ao máximo responsable do Executivo galego a dar a cara e explicar que sabía, cando o soubo e que consecuencias pode ter este pacto para Galicia.
Neste sentido, o regulamento do Parlamento marca que o debate da posta en marcha dunha comisión de investigación pode ser levado a pleno a proposta de dous grupos parlamentarios ou da quinta parte dos deputados da Cámara, polo que o PSdeG, con nove deputados, necesitaría o apoio de parlamentarios do BNG para que se debata.
As normas do parlamento tamén indican que poderá crearse de forma automática unha única Comisión de investigación por lexislatura se o solicitase un terzo dos deputados da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario, ou as dúas quintas partes dos parlamentarios. Unha bala de prata que o BNG xa utilizou para investigar os contratos da Xunta durante a pandemia e o custo das obras do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
“Non é críbel”
Segundo o líder dos socialistas galegos, é un feito “extremadamente grave” que un conselleiro puidese asinar un acordo de enorme transcendencia económica, territorial e ambiental “sen control político nin transparencia pública”. “Non é críbel que a Xunta non saiba que compromisos se asumiron en nome de Galicia. Se non o sabe, o problema é gravísimo. E se o sabe e non o explica, tamén”, sinalou.
Besteiro sostivo que o PSdeG foi o primeiro grupo en advertir no Parlamento de Galicia de que este proxecto “nacía rodeado de opacidade” e sinalou que os socialistas denuncian desde finais de 2023 o “oscurantismo” que rodea a “Impulsa Galicia, unha sociedade instrumental utilizada pola Xunta para impulsar proxectos estratéxicos á marxe do control e da transparencia parlamentaria”. “O tempo estános dando a razón. O que está a pasar é grave e non se pode normalizar”, afirmou.
O PSdeG sinala que, segundo a información coñecida, o memorando foi asinado en 2021 por Francisco Conde, entón vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, no marco de Impulsa Galicia, sen que o propio Goberno galego aclare cal era o seu contido nin que compromisos se asumiron en nome de Galicia. Para Besteiro, esta explicación é “politicamente insostible e incompatible co funcionamento normal dun goberno democrático”.
“Falamos dun memorando asinado nunha etapa na que Conde era a man dereita de Feijóo. Pretender agora que un acordo destas dimensións, con posibles consecuencias millonarias para o erario público, se asinou sen coñecemento político ao máis alto nivel non resulta verosímil”, advertiu.
“Extremadamente grave”
Ademais, o dirixente socialista considerou que “sería extremadamente grave” que ese documento “secreto” incorporase algún tipo de blindaxe legal para a empresa, que puidese abrir a porta a que Altri reclame millóns de euros e indemnizacións con cargo a fondos públicos. “Estaríamos ante un nivel de irresponsabilidade política inadmisible con consecuencias económicas moi serias para Galicia“, sinalou.
“Non estamos falando dun trámite administrativo nin dun acordo técnico menor. Estamos falando dun pacto que condiciona un proxecto estratéxico, con impacto territorial, ambiental e económico, e que pode implicar o uso de fondos públicos”, dixo.
Ademais, puxo en cuestión que un conselleiro puidese actuar á marxe do presidente e do Consello de Goberno. “Se isto ocorreu sen coñecemento do presidente, estamos ante un problema moi serio de funcionamento institucional. E se isto ocorreu con coñecemento, alguén está ocultando información”, advertiu para asegurar que “hai dúas versións claramente contraditorias e só o Parlamento pode aclarar que pasou realmente”.
Por todo iso, Besteiro considerou imprescindible que Feijóo e Francisco Conde, hoxe deputados no Congreso, comparezan nunha Comisión de investigación no Parlamento de Galicia para explicar quen asinou, con que contido, con que mandato político e con que consecuencias para Galicia. “É unha cuestión de transparencia, de responsabilidade política e de respecto á cidadanía. Galicia merece saber que se fixo e en nome de quen”, asegurou.