Actualizado
Formoso recibe á presidenta da Deputación de Barcelona: «Compartimos a vocación de servizo público e o apoio ao municipalismo»
As deputacións da Coruña e Barcelona comparten experiencias para mellorar a cooperación coas entidades locais e modelos de xestión eficaces.
El presidente de la Diputación de A Coruña, Valentín González Formoso, recibió en su despacho de la institución provincial a la presidenta de la Diputación de Barcelona, Lluïsa Moret Sabidó / Deputación da Coruña
Encontro de primeiro nivel entre os representantes de dous territorios que son motores económicos nas súas respectivas comunidades. Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, recibiu a visita no seu despacho da institución provincial á presidenta da Deputación de Barcelona, Lluïsa Moret Sabidó. O encontro estivo marcado pola sintonía de ambos presidentes no seu enfoque de xestión, volcado na cooperación cos concellos e o impulso transformador dos territorios.
Con este terreo xa andado, a reunión serviu para analizar os programas de cooperación provincial destinados a mellorar as infraestruturas, os servizos públicos e o benestar da veciñanza nos concellos, especialmente nos de menor tamaño. González Formoso destacou a importancia de “compartir modelos de xestión eficaces entre dúas deputacións que compartimos unha mesma vocación de servizo público e de apoio ao municipalismo“, mentres que Moret subliñou o papel das deputacións na vertebración territorial e na mellora de infraestruturas e servizos nos concellos.
Innovación e cohesión territorial
A reunión permitiu tamén afondar nas políticas de innovación, sostibilidade e cohesión territorial que ambas institucións están impulsando nos seus respectivos ámbitos, abrindo a porta a futuras colaboracións institucionais. A presidenta da Deputación de Barcelona participa nestes días na Coruña no III Foro Urbano de España, un espazo de diálogo sobre o desenvolvemento urbano sostible no que se dan cita responsables institucionais, expertos e representantes de cidades e provincias de toda España.
Para Formoso, “é unha satisfacción recibir na Coruña a unha presidenta comprometida co municipalismo como Lluïsa Moret, e comprobar que compartimos o mesmo obxectivo: reforzar o papel das deputacións como aliadas dos concellos e motor de transformación social e económica nos territorios“.