Actualizado
Lorenzana defende unha política industrial “definida e encamiñada” fronte ás críticas do BNG e do PSdeG
A conselleira de Economía anuncia no Parlamento que a elaboración do primeiro borrador do plan sectorial eólico inclúe un mapa coas “zonas de aceleración” renovable específica.
María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria. Xunta
Guerra de relatos sobre o modelo industrial galego no Parlamento. A oposición acusou á Xunta de carecer de estratexia, mentres que a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu que está “super definida e encamiñada”. “Pode gustar máis ou menos, pero estratexia si que hai”, reivindicou a responsable autonómica na súa comparecencia na Comisión 3ª, Economía, Industria e Facenda para detallar os orzamentos do seu departamento para 2026, que se sitúan en 443,8 millóns de euros.
En concreto, ante as críticas do PSdeG, Lorenzana dixo non entender a súa estratexia industrial para a comunidade galega. “Ás veces parecen apoiar con sensatez, pero outras enfróntanse a calquera tipo de investimento chave para facer ese desenvolvemento”, afirmou.
Industria e enerxía
Respecto ás contas do seu departamento, María Jesús Lorenzana expuxo ante os grupos parlamentarios as diferentes liñas da súa consellería, explicando en primeiro lugar as liñas específicas para innovación, así como respecto a industria-enerxía.
A continuación, a conselleira puxo o foco na Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo, que reivindicou como unha “oportunidade” neste ámbito no que a industria galega “pode ter un papel destacado”. Neste sentido, expuxo que convocarán axudas para que todos os sectores estratéxicos poidan participar neste mercado, en concreto, para apoiar o posicionamento das empresas galegas como subministradoras e para o desenvolvemento tecnolóxico e industrialización de produtos e sistemas baseados en tecnoloxías duais.
Nova aceleradora en Rozas
Lorenzana lembrou que Galicia xa conta cunha aceleradora de empresas no ámbito aeroespacial, pero asegurou que existe demanda para albergar unha nova aceleradora de ámbito europeo “que complementará á actual e centrarase en proxectos aeroespaciais”. Segundo indicou, terá a súa sede en Rozas e contará cun orzamento de 600.000 euros para a súa posta en marcha.
Na súa intervención, Lorenzana tamén fixo referencia aos diferentes plans directores en sectores diversos e referiuse ao novo mecanismo incluído na Lei de Acompañamento para axilizar instrumentos de solo público empresarial e de solo privado, ademais de novas medidas para “facilitar os mecanismos de venda ou de aluguer promovido por Xestur, buscando promover a desburocratización”.
Impulso á eólica
Tamén avanzou que durante o 2026 proseguirán no novo plan eólico coa elaboración do primeiro borrador do plan sectorial, incluíndo as zonas de aceleración renovable eólica e o documento inicial estratéxico, así como a posterior redacción do estudo ambiental estratéxico cun investimento de 1,2 millóns de euros.
Por outro lado, a conselleira tachou de “grave exercicio de irresponsabilidade” por parte da oposición que a provincia de Lugo “vaia desaparecer do mapa industrial da comunidade galega”, despois de que o Executivo central a excluíse da planificación enerxética. “Grazas ao BNG e aos seus grupos de influencia negacionistas que están aplaudindo que desapareza Lugo do mapa e grazas á debilidade dun PSdeG que se deixa influír pola esquerda máis radical, co agravante en ambos casos de que os dous líderes son naturais da provincia de Lugo”, manifestou en referencia a Ana Pontón e a José Ramón Gómez Besteiro.
“Calidade”
A continuación, Lorenzana definiu as contas do seu departamento sinalando que “a Galicia económica e industrial é tamén calidade”. “Queremos presumir como comunidade innovadora, moderna e industrial e queremos contribuír a acompañar a empresas e emprendedores para que sigan apostando por Galicia como ese territorio amable e confiable para o desenvolvemento dos seus proxectos”, afirmou ao término da súa primeira intervención.
Críticas de Elena Espinosa
A continuación, Elena Espinosa (PSdeG) lamentou que a Xunta “careza de visión industrial sólida a longo prazo”, algo que, apuntou, “demóstrase porque perdeu peso relativo a nivel de Estado nos últimos anos”. Así, tras demandar un sector “forte”, a socialista criticou a “paralización” dos proxectos industriais estratéxicos e reivindicou o papel do Goberno de España en materia industrial fronte a un Executivo autonómico con Altri como “paradigma do fracaso dun modelo”.
A este respecto, defendeu que o PSdeG “non se moveu” da súa postura inicial, falando dun proxecto que debía ser “viábel económica, técnica e socialmente”. “Se unha pata falla, o proxecto cae; pero non nos acuse do que non é certo”, censurou.
Nesta mesma liña, Espinosa mencionou Impulsa Galicia, “outro fracaso silencioso” que conclúe “disolvéndose sen ter materializado ningún proxecto industrial”. “É unha proba evidente de que esta colaboración público-privada serviu de anuncios, pero non de resultados”, relatou.
Os dardos do BNG
O deputado do BNG, Xosé Manuel Golpe, sinalou que as contas deste departamento son “un déjà vu” e repiten “a lóxica de sempre”: “Persiguen o titular, pero teñen pouca capacidade real transformadora do tecido produtivo do país”.
Despois de criticar o “recorte” no orzamento desta área, Golpe reprochou as investimentos no Centro Tecnolóxico de Automoción (CTAG), lembrando que se presentou “un ERE a 150 traballadores” e cunha situación sobre a que indicou que “non se pode ser alleos”.
Nesta liña, o deputado do BNG demandou medidas para o sector da automoción, á que a conselleira respondeu na súa réplica que este ano xa se aprobou o plan director e que xa hai “medidas recollidas” nel. En canto ao CTAG, Lorenzana cuestionou ao nacionalista “se pensa que depende das axudas da Xunta”, sinalando que dicir que non apoian á automoción é “faltar á verdade”.