O BNG e o PSdeG cargan contra a “dimisión en diferido” de Mazón e critican a Feijóo e Rueda por “aplaudirlle”
Pontón sostén que a decisión "chega un ano tarde" e que demostra "a cara máis escura, indecente e inmoral do PP" e Besteiro cualifica de "absurda" a dimisión xa que o lóxico é que "convoque eleccións".
El presidente de la Generalitat valenciana, Carlos Mazón, durante una declaración institucional, en el Palau de la Generalitat. Rober Solsona / Europa Press
BNG e PSdeG critican a “dimisión en diferido” de Carlos Mazón como presidente da Comunidade Valenciana. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, sostén que a decisión “chega un ano tarde”, algo que “demostra a cara máis escura, indecente e inmoral do PP”, e considera ao dirixente valenciano como o “máximo responsable das tráxicas consecuencias da dana”.
Pontón cargou contra a postura de Mazón “buscando culpables”, “faltando ao respecto das vítimas e familias mentindo”, así como “manipulando” e “aferrándose á poltrona”.
Identifica a Mazón cun “deshonor político ata extremos intolerables”; pero, “por riba da súa catadura moral”, considera que “o realmente insoportable foi ver como o PP, con Feijóo á cabeza, recibíao con aplausos”.
Lembra que Mazón foi “ovacionado en actos do PP cos seus dirixentes en pé”. “Se a calquera persoa de ben eses aplausos lle producen náuseas, non quero imaxinar o que sentiron as familias das vítimas na dana”, engade.
Pontón asegura que en Galicia coñécense “moi ben” esa forma de actuar do PP, e lembrou casos como os do Prestige ou o accidente do Alvia. Por iso, opina que a dimisión de Mazón “nestas alturas era imprescindible”, polo que espera que as vítimas “sintan algo de alivio”.
Resume o sucedido con Mazón como “unha das páxinas máis bochornosas e indecentes da política recente”. “Se non hai eleccións na Comunidade Valenciana é porque o PP sabe que perdería”. “Detrás de todo isto están primando os intereses electorais do PP”, advirte, “fronte a dar voz á cidadanía”.
“Senvergoña político”
Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tamén cargou contra esta dimisión “en diferido”. Besteiro, que cualifica a Mazón de “caradura” e “verdadeiro senvergoña”, critica a Feijóo e Rueda por “avalalo e aplaudilo durante todos estes meses”.
O líder socialista apuntou que “vai dar que falar nos próximos días” que Mazón explicou que no seu día non solicitou a declaración de emerxencia nacional porque foi “aconsellado” polo presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, para non facelo.
Tacha de “absurda” esta dimisión “en diferido”, pois “o lóxico” é que “dimita e convoque eleccións”. Unha actuación que identifica co “fiel reflexo do personaxe político”.