O PSdeG denuncia que a Xunta deixou sen executar os fondos europeos para prevención de incendios.
Segundo os socialistas, están bloqueados 8,3 millóns desde xaneiro que debían destinarse a infraestruturas e actuacións de prevención de incendios como desbroces, cortalumes ou pistas forestais.

José Ramón Gómez Besteiro pedirá la comparecencia de Rueda para pedir explicaciones sobre la gestión de los incendios y los medios disponibles / PSdeG
Os socialistas galegos denuncian que a Xunta foi incapaz de executar máis de oito millóns de fondos europeos destinados á prevención de incendios, que, segundo o PSdeG, se manteñen bloqueados dende o pasado mes de xaneiro. O bloqueo desta partida supón, segundo o partido, que non se realizaron traballos esenciais no monte galego para previr o lume, que agora cobran unha especial importancia en medio dunha das peores ondas de incendios das últimas décadas en Galicia.
A deputada socialista Carmen Dacosta detallou os fondos que permanecen empantanados na burocracia de San Caetano. Trátase de 2,99 millóns para obras de infraestruturas de prevención, repartidos en nove lotes sen executar. Outros 5,4 millóns corresponderían a subvencións en actuacións preventivas, tamén pendentes de resolución.
“Estamos falando de desbroces, cortalumes, pistas forestais… tarefas que deberían estar feitas dende primavera e que hoxe, sinxelamente, non existen sobre o terreo”, dixo Dacosta, quen considerou “desolador” que estas actuacións estivesen previstas precisamente nas zonas que están ardendo.
Besteiro pide explicacións a Rueda
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu que a prioridade inmediata é “apagar os lumes, garantir a seguridade dos veciños e apoiar ás familias afectadas”. Con todo, recalcou que unha vez controlada a emerxencia, “o presidente Rueda deberá render contas pola xestión da onda de incendios e pola disponibilidade efectiva de recursos e medios empregados nas tarefas de extinción”.
“A prevención non pode seguir atrapada en trámites e papeis”, dixo o líder dos socialistas galegos. “Galicia non pode permitirse que fondos europeos queden nos despachos mentres o lume arrasa o territorio“, insistiu.
Besteiro anunciou que o PSdeG rexistrará a petición de comparecencia de Rueda no primeiro pleno de setembro para que dea explicacións no Parlamento sobre a súa actuación.