Pontón inaugura en Bos Aires un busto de Castelao: “Debemos seguir o seu exemplo e continuar espertando conciencias”

A voceira nacional do BNG participou na homenaxe organizada pola Federación de Asociacións Galegas en Arxentina na que fixo un recoñecemento a todas as persoas da diáspora "pola súa achega á construción do país".

La líder del BNG, Ana Pontón, en Buenos Aires. - BNG

A líder do BNG, Ana Pontón, en Bos Aires.

Ana Pontón, voceira nacional do BNG, concluíu a súa viaxe institucional por Arxentina cunha homenaxe a Castelao en Bos Aires organizada pola Federación de Asociacións Galegas en Arxentina á que a líder nacionalista definiu como “o primeiro presidente de Galicia no exilio”.

En concreto, foi un acto no que se inaugurou un busto do intelectual de Rianxo e que coincidiu co 81 aniversario da constitución do Consello de Galicia o 15 de novembro de 1944 en Montevideo, “goberno galego no exilio”, segundo indicou o BNG nunha nota de prensa.

“Debemos seguir o exemplo de Castelao e continuar espertando conciencias, porque non podemos permanecer en silencio mentres se intenta criminalizar ás persoas por ter que emigrar do seu país, e non sabemos ben, vostedes saben ben o difícil que é emigrar”.

Recoñecemento aos emigrantes

Pontón aproveitou o acto para facer un recoñecemento a todas as persoas que integran a diáspora “pola súa achega á construción do País ao longo de décadas”. Desde a xeración de Castelao, “que mantivo viva a reivindicación democrática do dereito dos pobos a poder decidir o seu futuro”, ata as novas xeracións na diáspora “por manter a ligazón coa súa terra de orixe”.

“Vemos como xente que fuxe das guerras, da miseria ou das ditaduras en lugar de ser acollida cos brazos abertos é sinalada para intentar tapar as irresponsabilidades dun sistema que deixa a moita xente atrás, e por iso tamén temos que defender a dignidade de todas as persoas, defender valores que nos permitan avanzar porque nada se constrúe sobre o odio, o insulto é sobre a degradación persoal”, destacou Pontón.

A líder do Bloque tamén alertou do avance da extrema dereita, “un avance da ideoloxía ultra que busca degradar a política, para desprestixiar o único instrumento que ten a xente común para cambiar as cousas fronte aos privilexios”.

Con todo, e coincidindo co Ano de Castelao, Pontón criticou a quen pretende “descafeinar” o seu legado político porque, tal e como denunciou, “aos que lles interesa que nada cambie, o exemplo de vida e de coraxe do nacionalista segue sendo un perigo”.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta