O Goberno de Sánchez reivindícase como o que máis investiu en Galicia «en 50 anos de democracia»
Óscar López asegura que Rueda demostra pouca "honestidade e personalidade" nas súas críticas ao Executivo central, cando é o que máis recursos destinou á comunidade, e pídenlle unha actitude colaborativa en lugar de "copiar a Ayuso".
O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, na Coruña
O Goberno central reivindica o seu investimento en Galicia e preséntase como o que máis apostou pola comunidade desde a democracia. Así o proclamou Óscar López, ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, establecendo un relato contrario ao que esgrime regularmente Alfonso Rueda, quen asegura que a comunidade sofre agravios por parte do Executivo de Pedro Sánchez. “Se quere copiar a Ayuso, chega tarde”, dixo López sobre o presidente da Xunta, reprochándolle as críticas durante o Debate sobre o Estado da Autonomía.
Nunha entrevista á Cadena SER, o ministro asegurou que “en 50 anos de democracia, Galicia nunca tivo tantos recursos como os que lle enviou o Goberno Pedro Sánchez“, engadindo que “a pregunta é onde os destinou” a Xunta. Neste sentido, manifestou a súa preocupación ao ver que o mandatario galego lle fai “a oposición ao Goberno central”, en lugar de responder ás súas competencias. “Aínda que o señor Feijóo quere volver e o señor Rueda quere o papel do señor Feijóo”, ironizou.
Así mesmo, o ministro considerou que esta actitude demostra “pouca personalidade e honestidade” por parte do presidente da Xunta e asegurou que tiña unha imaxe de Rueda “máis respectuosa e moito máis colaborativa”. “Para facer de Ayuso, xa está Ayuso, se quere copiala chega tarde“, sentenciou.
A intelixencia artificial
Óscar López destacou que a intelixencia artificial está revolucionando “mil cousas que afectan no día a día”, pero España aposta por “un modelo de intelixencia artificial que sexa ética e que sexa humanista”. Nesta liña, sinalou que a Universidade de Stanford indicaba recentemente que España é o sétimo país do mundo en adopción da IA e o primeiro da Unión Europea. “E entre outras cousas nas que somos o número un é na regulación da IA e nese aspecto Galicia ten un papel moi importante, xa que aquí está a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial e o Centro de Supercomputación de Galicia“, remarcou.
Sobre este último, o responsable nacional recordou que o Cesga é unha das dúas fábricas de IA de toda España e cre que tanto en capacidade de supercomputación e investigación como en regulación da IA é “fundamental”. Neste sentido, afirmou que a presión de España conseguiu que a Unión Europea prohíba o uso de ferramentas que permiten realizar deepfakes sexuais, é dicir, imaxes falsas con connotacións sexuais.
Os espidos de Grok
Referiuse a aplicacións como Grok, dentro da rede social X, que permitía crear contidos sexuais ou espidos a través de imaxes reais. “Iso non se pode consentir, por iso promovemos que a regulación da IA prohíba ese tipo de sistemas que permiten iso”, asegurou.
“Imos seguir avanzando para que a IA sirva para o que ten que servir, que é para que haxa bos servizos públicos; para que avancemos na investigación médica, que é espectacular os avances que está habendo en campos como o Alzheimer, por exemplo. E non para desinformación, para bulos, para fango, para contidos sexuais para menores, para iso non”, manifestou. O ministro tamén advertiu do aumento dos ciberdelitos fronte á delincuencia tradicional. Por este motivo, recordou a existencia do teléfono 017 do Instituto Nacional de Ciberseguridade para asistencia cidadá.
Adiantamento electoral
Entre outros aspectos abordados, Óscar López foi preguntado por un posible adianto das eleccións nacionais. Ao respecto, o ministro asegurou que está “absolutamente convencido” de que o Goberno vai acabar a lexislatura. “Levamos máis de sete anos xa gobernando en minoría parlamentaria. Iso obrigounos a chegar a acordos con moitas formacións políticas, pero creo que moitas veces esquecemos o importante, que é o para que. E eu só quero dicir que España é o país que máis crece e está entre as economías máis avanzadas do mundo; chegou aos 22 millóns de afiliados á seguridade social e trae investimento estranxeiro como nunca”, destacou.