Pontón ve un «agravio» a Galicia e aposta por acadar máis competencias
A portavoz nacional do BNG aposta por seguir os pasos do País Vasco e Cataluña, que conseguiron 47 novas competencias en dúas décadas.
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa – EUROPA PRESS
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanza a posta en marcha dunha “axenda institucional e social” para acadar máis competencias para Galicia. Durante a súa intervención no acto organizado polo Bloque e a Fundación Galiza Sempre de conmemoración dos 50 anos das Bases Constitucionais, que tivo lugar no salón de actos da Escola Técnica de Enxeñaría Superior da USC, a líder do BNG censurou a “incompetencia e deslealdade” do Partido Popular como a causa de que “en 17 anos non conseguiran nin unha competencia”, mentres que País Vasco e Cataluña xa sumaron 31 e 16, respectivamente.
“Isto non pode continuar así, Galicia non pode seguir así e necesita recuperar a iniciativa. O noso país leva demasiado tempo no agravio e é momento de impulsar unha axenda institucional e social de competencias para Galicia“, reivindicou Pontón, que se mostrou convencida de que “existe unha maioría social en Galicia que vote o que vote é consciente de que maior nivel de autogoberno significa maior benestar”.
Neste sentido, o BNG xunto coa Fundación Galiza Sempre inicia un traballo que concluirá con dous documentos propositivos. En primeiro lugar, analizarán “exhaustivamente” as competencias que Galicia “podería asumir mañá sen necesidade de modificar nin unha soa coma do actual marco competencial”.
Máis de medio cento de novas competencias
Doutra banda, estudaranse “máis das 50 novas competencias” que se poderían ter por estar “recollidas no Estatuto, que son competencias que xa exercen outras comunidades ou que foron acordos no Parlamento“. “Imos poñer ao PP diante do espello porque non quere asumir unhas competencias para as que non existe ningún tipo de impedimento legal”, destacou.
Nesta liña, tras recoñecer que o marco autonómico “sempre foi un traxe estreito” para o nacionalismo galego, Pontón expuxo que antes de que remate o ano detallarán “unha proposta actualizada de novos estatutos políticos” para Galicia co obxectivo de “actualizar a proposta táctica”.
Tras lembrar algúns fitos do nacionalismo galego, Ana Pontón reflexionou sobre “a importancia da unidade”. “O nacionalismo galego só pode ter éxito mediante a unión organizativa e política. Toda división ou fragmentación resultaría un obstáculo ou regresión. Hoxe, a práctica totalidade está unida no BNG e aquí está unha das claves do noso éxito, a unidade é a nosa gran fortaleza”, subliñou.
Así mesmo, a portavoz nacional puxo en valor que as Bases Constitucionais evidenciaban unha cultura política “elevada” e “capacidade para poder presentar alternativas”, aínda que “evidenciaron unha debilidade importante: a debilidade social”.
Unha debilidade que, na súa opinión, “quizais fixo máis dano que a propia fragmentación”. “Sen pobo, non hai nación”, sostivo para, a renglón seguido, poñer o foco en incorporar “cada vez máis pobo, ampliar a militancia, ensanchar a base social e gañar máis apoio electoral”.