Rueda pedirá a Sánchez unha base permanente da UME en Galicia para loitar contra os incendios.
O presidente galego anuncia a incorporación de máis medios aéreos de extinción así como que a Xunta poida colaborar, a través do Seaga, na limpeza de montes en concellos de menos de 10.000 habitantes.

Rueda comparece por iniciativa propia para explicar la gestión del Ejecutivo ante la ola de incendios de este verano que ha devastado cerca de 96.000 hectáreas en la comunidad. Álvaro Ballesteros / Europa Press 09/9/2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fai balance este martes no Parlamento galego da xestión dos lumes que asolagaron a comunidade en agosto. O mandatario cargou contra a tardanza que atribúe ao Goberno central para facilitar maquinaria e medios solicitados non só para a extinción senón tamén para a posterior reconstrución. Así, tras demandar “máis dilixencia á hora de cumprir promesas que se fan en quente”, anunciou que solicitará a creación dunha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias, a UME, en Galicia.
En concreto, avanzou que se dirixirá ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e á ministra de Defensa, Margarita Robles, para pedir a creación de “unha base permanente” da UME, que estaría ubicada en Toén (Ourense). “Faremos isto de forma inmediata”, asegurou.
Limpeza e factura aos propietarios
Por outra banda, o mandatario anticipou a súa intención de reforzar “de forma urxente” a xestión das franxas secundarias –zonas estratéxicas para previr os lumes e que hai que manter limpas ao tratarse do entorno máis inmediato das aldeas–, e actuarase para tratar de reducir “incumprimentos” que aínda existen. Un dos primeiros pasos será falar cos concellos e axilizar as rozas máis prioritarias.
Con numerosos alcaldes e os presidentes das catro deputacións seguindo a intervención na tribuna do hemiciclo galego, Rueda anticipou que convocará de inmediato á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para analizar varios aspectos, como modificar o convenio para que a Xunta poida colaborar cos concellos de menos de 10.000 habitantes asumindo a súa competencia para ordenar a limpeza de franxas secundarias.
Os traballos de limpeza asumiríaos Seaga, que posteriormente pasaría a factura aos propietarios. Rueda tamén adiantou a súa intención de propor aos concellos identificar conxuntamente as rozas máis urxentes e prioritarias nestas zonas clave que rodean as aldeas, para que Seaga as desenvolva ao longo das próximas semanas.
Tamén se impulsará a plantación de frondosas no entorno das parroquias máis afectadas polos lumes para que actúen como cortalumes natural, e fixarase a adhesión dos concellos ao convenio de limpeza con Seaga e ao cumprimento dos seus compromisos como condición indispensable para recibir financiamento do Fondo de Cooperación Local.
Plan director da industria forestal
A Xunta tamén quere duplicar a contía destinada a labores de limpeza neste fondo nos próximos orzamentos autonómicos e analizar cos concellos a introdución de cambios normativos para que as administracións poidan entrar directamente a limpar fincas situadas en lugares sensibles aos lumes, nos que os propietarios incumpran a obrigación de manteñas en bo estado.
Coa convicción de que o rural debe ser produtivo, a Xunta tamén prevé que antes de que finalice este ano se presente ao sector o borrador do futuro Plan Director da Industria Forestal; e reducir a burocracia para que os propietarios non atopen “tantas trabas administrativas” á hora de sacar proveito das súas parcelas.
Extinción
En unha intervención na que apelou a buscar o acordo por riba da “demagoxia”, Rueda reivindicou que grazas aos equipos de extinción “lográronse defender moitas aldeas” e que as lapas “non se cobrasen ningunha vítima mortal. “Recoñecerémolo sempre”, subliñou, antes de defender que as condicións laborais dos traballadores da Xunta “melloraron”.
“Dous terzos do persoal” do servizo autonómico de prevención e defensa fronte aos incendios forestais, esgrimiu Rueda, quen subliñou que “son empregados públicos”, traballan “todo o ano, os doce meses”. “Isto fano desde 2023, cando os contratos que estaban en nove meses, pasaron a 12. E o outro terzo son os traballadores fixos discontinuos, que teñen un acordo cos sindicatos, un proceso, que agora está no ecuador, para chegar aos nove meses”, asegurou.
Na extinción, o presidente galego tamén puxo o foco, con especial intensidade no papel clave dos medios aéreos. Tras subliñar que, na última crise incendiaria, foi fundamental o papel da base transfronteiriza Verín-Oímbra, anticipou que a Xunta acometerá “un reforzo dos medios aéreos” para apagar o lume.
Iráo facer mediante a incorporación de novos avións e helicópteros, e tamén a través da creación de novas bases que permitan a súa actuación. Entre outras fontes de financiamento, a Xunta prevé apoiarse para iso no programa europeo ‘Restore’.