Vivenda pública, baixas laborais, emprego… Todos os anuncios de Rueda no Debate sobre o Estado da Autonomía
O presidente da Xunta tamén anunciou, entre outras medidas, a "reforma integral" da atención primaria para adaptala á "Galicia actual" e que terá como "obxectivos claros" liberar aos médicos das tarefas burocráticas e acadar axendas que non superen os 30 pacientes por xornada ordinaria.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante o Debate sobre o Estado da Autonomía – Álvaro Ballesteros / Europa Press
Máis emprego público, plan de “control” fronte ao fraude nas baixas laborais, “reforzo do papel” das mutuas… Son algunhas das medidas anunciadas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a súa intervención na primeira xornada do Debate sobre o Estado da Autonomía no que reivindicou a vivenda como “un eixo fundamental” do mandato.
Tras lembrar que as 4.000 novas residencias que prometeu para duplicar o parque público xa están en marcha, o presidente galego anunciou a ampliación do plan de medidas activado neste ámbito, con especial foco nos mozos, e unha nova rebaixa fiscal: a partir do ano que vén, Galicia bonificará o 100% do imposto de actos xurídicos documentados para vivendas protexidas.
Tras lembrar que en 2025 a Xunta incrementou o teito máximo de renda para acceder a unha vivenda pública, e que decidiu reservar para menores de 36 anos o 25% destes pisos en venda e o 40% dos que se ofrecen en aluguer, avanzou que se volverá subir o límite máximo de renda ata catro veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).
Máis medidas en materia de vivenda
Doutra banda, Rueda anunciou que se reservará o 30% das vivendas públicas en venda para persoas de entre 36 e 45 anos, especialmente cando son nais ou pais de nenos pequenos e que, por tanto, teñen menor mobilidade xeográfica que outras persoas máis novas.
“Facemos isto porque cremos que a vivenda pública e protexida debe estar ao alcance de cantas máis persoas mellor”, manifestou o presidente da Xunta, quen reivindicou que “todas as novas vivendas comprometidas para esta lexislatura, o 100% están en marcha”.
En poucos meses, tal e como apuntou, o Goberno galego entregará as primeiras chaves en Santiago e en Pontevedra.
Bonificación ao imposto de actos xurídicos documentados
A vivenda tamén protagonizou novidades no ámbito fiscal. Neste sentido, o presidente da Xunta sinalou que, a partir do ano que vén, Galicia bonificará o 100% do imposto de actos xurídicos documentados para as vivendas protexidas.
Rueda explicou que se trata dun tributo que paga o promotor en varias fases e o comprador no momento da adquisición da obra nova.
Ata agora, conforme detallou no seu discurso, por unha vivenda protexida de 100 metros de superficie pagábanse ata 15.000 euros deste imposto. Agora pasarán a ser “cero” para, argumentou, favorecer a colaboración público-privada na construción de vivenda protexida.
Control do fraude nas baixas laborais
O Goberno galego presentará “nas próximas semanas” un programa “integral” que aspira a reforzar o control sobre os posibles casos de fraude nas baixas laborais. Alfonso Rueda aludiu a unha preocupación plasmada polos empresarios de forma reiterada: “a situación e os efectos das baixas laborais”, que elevou á categoría de “problema moi serio” que “lastra a produtividade en toda España”.
“Aféctalle especialmente a Galicia”, apostilou, antes de dar varios datos que “invitan á reflexión”. Así, esgrimiu que a galega é “a segunda comunidade con máis xornadas laborais perdidas por baixas”, e tamén a segunda comunidade con máis duración media das mesmas, que “supera en promedio os 60 días”.
“As baixas laborais supuxeron que Galicia perdese máis de 2.200 millóns de euros, é dicir, arredor do 3% do PIB. Cada día non van traballar 70.000 persoas en Galicia por estar de baixa”, sentenciou.
O mandatario galego lembrou que a Xunta xa impulsou un programa de revisión que permitiu “controlar case 130.000 baixas”, o que resultou “na alta de 30.200 persoas que non debían estar nesta situación”; antes de avanzar un novo programa “integral” para profundar no asunto.
O núcleo do novo programa integral será a creación de unidades especializadas para a atención e control das baixas por enfermidades musculoesqueléticas ou de “psiquiatría menor”, que “son as máis frecuentes”. Á espera de ver a concreción deste anuncio, esgrimiu que estas unidades servirán de apoio aos médicos do primeiro nivel asistencial que xestionan as baixas.
Reforzo das mutuas
Ademais, tamén se “reforzará o papel das mutuas” na revisión das incapacidades temporais. Así, cada vez que unha mutua realice unha proposta de alta “o suficientemente xustificada”, a inspección sanitaria “a vai ratificar e acordar a alta”.
“Se existen dúbidas, a inspección citará ao traballador para poder valoralo e tomar a decisión adecuada”, precisou, ademais de esgrimir que, en vez de que as mutuas teñan que solicitar, unha por unha, cada proba ou tratamento ao paciente, tramitarase unha autorización “global” para facer o seu labor “máis áxil e eficaz”.
Este programa, garantiu o presidente galego, dialogarase cos sindicatos e a patronal para a súa mellora, co obxectivo de que se poida aplicar “á maior brevidade posible”.
Emprego público
Respecto á Administración autonómica, o presidente anticipou que, tamén nas próximas semanas, aprobarase unha nova oferta de emprego público que esgotará a taxa de reposición e contará con máis de 800 prazas.
Rueda remarcou que estes novos funcionarios “servirán a Galicia coa mesma dedicación que os que levan todos estes anos”. Co trasfondo do plan sobre Altri en Palas de Rei (Lugo), por exemplo, aproveitou para poñer en valor o seu labor ante “as descalificacións e acusacións” que, engadiu, “reciben cando o seu criterio técnico non coincide con determinados dogmas políticos”. “Nós protexerémolos sempre”, enfatizou.
No discurso tamén avanzou que este mesmo ano lanzará a primeira convocatoria para captar investigadores para a nova Fundación Galtia. Non en balde, reivindicou o I+D+i galego, sostendo que non debe “quedar atrapado nun laboratorio”, senón que busca “que o coñecemento se poña ao servizo do desenvolvemento social”.
Política industrial
En política industrial afeou ao Goberno o seu ritmo na execución dos fondos europeos e os Perte, o presidente reivindicou os pasos dados en Galicia e avanzou –co desenvolvemento das renovables como pano de fondo– que, en breve, a Xunta, xunto cos seus socios, acometerá unha ampliación de capital de Recursos de Galicia para que as galegas e galegos xestionen ou participen “en cada vez máis instalacións e explotacións”.
Rueda aludiu á situación poboacional e á necesidade de dotar de oportunidades aos mozos. Por iso, reafirmouse en que defenderá “unha política económica da que todos os galegos poidan estar orgullosos, especialmente a xente nova”. “Para que poidan exercer aquí, na súa terra, a vocación profesional que teñan”, dixo.
“En materia industrial e enerxética –previamente reivindicara a necesidade de aproveitar recursos como as renovables–, sempre que xurda unha oportunidade, a Xunta traballará para aproveitala. Sempre que se abra unha posibilidade, intentaremos convencer ás empresas para que se instalen aquí e o fagan con todas as garantías”, aseverou.
Finalmente, reafirmouse en que “preservación ambiental e progreso son plenamente compatibles” a pesar de que “os de sempre empeñen en negar novas oportunidades” por “motivos partidistas”.
Reforma integral da atención primaria
O presidente da Xunta anunciou que, neste mesmo semestre, o Goberno galego iniciará unha “reforma integral” da Atención Primaria para adaptala á “Galicia actual” e que terá como “obxectivos claros” liberar aos médicos das tarefas burocráticas e acadar axendas que non superen os 30 pacientes por xornada ordinaria.
Como pasos concretos, anunciou que o seu Executivo creará unha unidade especial que centralizará os papeis burocráticos sen valor médico e que “sobrecargan” aos profesionais.
Así mesmo, “aproveitando o impulso desta descarga burocrática”, implantará un novo modelo de xestión das axendas “dinámico, flexible e adaptado ás circunstancias de cada centro de saúde” para que o médico poida dedicar máis tempo a cada paciente e que teñan “atención de máxima calidade”.
“Para coordinar todo isto e para que sexa efectivo”, Rueda avanzou que a Xunta porá en marcha unha Dirección Xeral de Atención Primaria que, a día de hoxe, aínda non existe no Servizo Galego de Saúde (Sergas). Este órgano velará para que se cumpran todas estas liñas mestras e que se faga un “seguimento constante” das reformas a implantar”, sinalou.
‘Bono Coidado’
En materia de dependencia, Alfonso Rueda ratificou o anuncio avanzado este mesmo martes de ampliar o ‘Bono Coidado’, que se porá a disposición doutras 10.000 persoas maiores e das súas familias, que se suman ás 40.000 que o perciben nestes momentos.
O Goberno autonómico aspira a que esta axuda, que se traduce en 5.000 euros ao ano para as persoas dependentes que reciben atención na súa casa, chegue a 10.000 persoas máis no que queda de lexislatura, despois de que se duplicase desde as 20.000 ata as 40.000 ao incrementarse as contías.
Doutra banda, Rueda reivindicou que este mesmo ano Galicia alcanzará “a cifra dos 100.000 dependentes atendidos”, aproveitando para insistir de novo nunha das súas demandas reiteradas ao Goberno central: que “aporte o mesmo que aporta a Xunta ao sistema de dependencia”.
Limitación do uso de dispositivos dixitais en centros educativos
No ámbito educativo, anticipou que en Galicia comezarán a aplicarse sancións contra todas aquelas condutas que atenten contra a dignidade e a autoridade do persoal docente”. “Aplicaranse en todos aqueles casos nos que o diálogo non funcione para resolver os conflitos”, aseverou.
A Xunta tamén limitará o uso individual de dispositivos dixitais para todas as nenas e nenos ata 5º de Primaria a través da futura Lei de educación dixital. Unha norma, engadiu Rueda, que “converterá a Galicia na primeira comunidade que regula os usos permitidos e prohibidos da intelixencia artificial dentro da Educación”.
“¿Para crear material educativo personalizado ou como apoio dentro das aulas? Si. Delimitaremos que sistemas se poderán usar con este fin. ¿Sistemas de IA sen supervisión humana? Desde logo que non. Esta nova tecnoloxía pode servir como apoio, pero xamais debe substituír a atención do profesorado”.