Falece aos 95 anos o economista Carlos Mella, vicepresidente da Xunta con Fernández Albor
Doutor en Dereito pola Universidade Complutense, Mella Villar entrou no Parlamento galego en 1981 como deputado da UCD e presidiu a Fundación Castelao e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Carlos Mella – Europa Press – AELG/ SANTOS-DÍEZ
Carlos Mella Villar (A Estrada, 1930), economista e vicepresidente segundo para asuntos económicos da Xunta de Gerardo Fernández Albor, faleceu aos 95 anos de idade. Mella vinculouse posteriormente ao BNG, onde chegou a ser candidato ao Parlamento Europeo en 1994.
O BNG destacou este martes que este tamén escritor e xurista “foi un galego de ben que estudou, amou e defendeu” Galicia. “O noso recoñecemento á súa traxectoria intelectual e compromiso con Galicia”, destaca o Bloque a través dunha mensaxe nas redes sociais na que envía o seu agarimo a familiares e amigos.
Traxectoria de Carlos Mella
Doctor en Dereito pola Universidade Complutense entrou no Parlamento galego en 1981 como deputado da UCD. Posteriormente, foi vicepresidente de Albor na Xunta entre 1983 e 1984, ata a súa dimisión. Foi coñecida a súa denuncia como unha ofensa á autonomía galega que o rei Xoán Carlos I designase ao delegado do Goberno, Domingo García Sabell, como delegado regio na ofrenda ao Apóstolo en 1983 en vez de a Albor, unha polémica que rematou co propio monarca acudindo a Compostela.
Tras iso, Mella foi deputado con Coalición Galega e formou parte dunha escisión que deu lugar ao Partido Nacionalista Galego, que acabou abandonando con Luis Cordeiro no Grupo Mixto da Cámara galega.
Así, vinculouse ao Bloque e presentouse ás eleccións europeas de 1994 sen conseguir escano. Un dos últimos actos públicos nos que foi visto produciuse con motivo da campaña da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como candidata ás eleccións galegas de 2024, cando acudiu ao acto en Santiago no que o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras e o líder de Anova, Martiño Noriega, mostraban o seu respaldo á candidata nacionalista.
Presidiu a Fundación Castelao e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, ademais de ser o primeiro xerente do patronato da Fundación Torrente Ballester.
Con unha ampla traxectoria no ámbito cultural, foi autor de varias obras ensaísticas como ‘Non somos inocentes’, ‘A Galicia posible’, ‘Coa palleta distraída’ ou ‘A falacia do economicismo’.