Axudando na recuperación económica

Ningún goberno é capaz de dar resposta a todos os problemas, mais todo goberno ten a obriga de intentalo

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

A primeira misión que ten un goberno é a de ser útil aos cidadáns que o escolleron. O goberno de Inés Rey está a ser útil en moitos planos, tamén no da recuperación económica. O Concello da Coruña foi máis lonxe que ningún ao aportar 20 millóns de euros dos seus orzamentos a plans de recuperación. O segundo PRESCO está a demostrar que é unha boa ferramenta para axudar aos sectores máis afectados polas restricións da pandemia.

Desde a posta en marcha, o pasado día 15 de setembro, do plan de incentivos ao consumo (os bonos PRESCO), as vendas promovidas no comercio local por dito plan achéganse a 1 millón de euros, unha cantidade que no terían facturado micropemes e autónomos sen ese incentivo.

Por medio dos bonos o Concello ten inxectado nos pequenos negocios 219.000 euros, unha axuda directa que ten repercutido moi positivamente nos ingresos de centos de persoas que precisaban un pulo para se recuperar, e en milleiros de cidadáns que se teñen beneficiado dos descontos previstos. Son case 28.000 os cidadáns que descargaron xa bonos para canxear no taxi, nos salóns de estética e peiteado, na hostalaría, no comercio e na cultura. O número de negocios adheridos non deixa de crecer e achégase xa aos 700, con dez establecementos que teñen chegado ao límite previsto no PRESCO: 5.000 euros en descontos por cada solicitante.

Na Coruña temos dado exemplo co primeiro PRESCO e de novo co segundo. Concellos de toda España miran para nós para poñer en marcha medidas semellantes, como ten feito tamén a Xunta poñendo en marcha dous plans de incentivos ao consumo semellantes aos nosos, para pequeno comercio e cultura, aínda que menos ambiciosos.

A redistribución da riqueza, a igualdade de oportunidades e o apoio a quen menos ten son principios irrenunciables

Si as medidas sanitarias están a axudar a deixar atrás a pandemia, as medias económicas habilitadas desde o Concello están contribuíndo tamén a aliviar o seu efecto no tecido produtivo da cidade.

O esforzo feito para evitar que os danos repercutan nos máis débiles é salientable. Non é casual, resposta a un modelo de acción política preciso, a unha forma determinada de comprender a responsabilidade social, a que entende que a redistribución da riqueza, a igualdade de oportunidades e o apoio a quen menos ten son principios irrenunciables de calquera goberno socialista.

Ningún goberno é capaz de dar resposta a todos os problemas, mais todo goberno ten a obriga de intentalo na medida das súas posibilidades e competencias. Na Coruña temos hoxe un escudo social que non existe noutros lugares, un escudo que busca dar cobertura ao maior número de persoas. A nosa aspiración e o noso desexo é que ninguén que o precise quede fóra desa protección. Ese é o noso modelo e non o vamos mudar.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp