O papel das administracións locais na saída da crise

Un trabajador pasa por delante de un comercio cerrado en A Coruña

Un trabajador pasa por delante de un comercio cerrado en A Coruña

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

A recuperación económica tras a Covid 19 depende en gran medida de que todos os axentes involucrados na reconstrución, públicos e privados, sexamos quen de sumar esforzos e sentar as bases deste proceso con investimentos que promovan a dinamización do noso tecido produtivo.

No Concello da Coruña fomos pioneiros coa posta en marcha do Plan de Recuperación Económica e Social da Coruña (PRESCO) que vai xa, neste 2021, pola súa segunda edición. Fomos o primeiro municipio galego en articular axudas concretas tras a pandemia para axudar a autónomos, pequenas empresas e familias impulsando o consumo, o crecemento económico e o mantemento do emprego.

Con este plan, evidenciamos que as administracións locais, malia non dispor dos recursos cos que contan outras entidades, poden xogar un papel relevante na tan necesaria recuperación económica.

O programa de incentivos deu a cada cidadán 135 euros para empregar en comercio ou servizos locais

Os bonos PRESCO, que se desenvolven no marco deste plan, coa finalidade de favorecer as compras no ámbito municipal, levan incentivado xa a realización de compras na cidade por valor de 2,7 millóns de euros, dous meses despois da súa posta en marcha, en setembro de 2021.

Ata a data actual realizáronse máis de 650.000 euros en descontos cos bonos e máis de 48.000 persoas descargáronos para seren empregados. Ademais, todos os establecementos participantes, que son máis de 700, foron recibindo semanalmente o pagamento dos descontos.

En concreto, o programa de incentivos posto en marcha polo goberno da Coruña deu a cada cidadán a posibilidade de dispor de 135 euros para empregar en comercio ou servizos locais e orixinou que máis de 30 establecementos teñan acadado xa os 5.000 euros en descontos.

O bo funcionamento do programa no relativo á utilización dos bonos levounos a ampliar o seu prazo ata o vindeiro 31 de decembro, co obxectivo de que todas as persoas que os descargaron poidan empregalos nas compras que realicen antes de finalizar o ano.

Contribuír a garantir a estabilidade do noso comercio tendéndolle unha man, favorecer a súa dinamización e apoiar o crecemento son cuestións nas que perseveraremos co obxectivo de sentar as bases dunha recuperación, que nos permitirá, sen lugar a dúbidas, afrontar o futuro con optimismo.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp