Os riscos inasumibles de Altri
A implantación de Altri podería comprometer os recursos hídricos, aumentar a contaminación atmosférica e fomentar a expansión do monocultivo de eucalipto, afectando negativamente á biodiversidade e á sustentabilidade do rural galego

José Soares de Pina, CEO de Altri
É difícil participar en calquera evento ou reunión de carácter económico en Galicia e que non xurda o gran tema: Altri si, Altri non. Atribúese a Bertolt Bretch a frase: “Malos os tempos nos que debemos defender o evidente”. Porque neste asunto, resulta máis ca evidente que o proxecto Greenfiber de Altri implica uns riscos de tal calibre e dimensión, que aventurarse a levalo a cabo sería como xogar á ruleta rusa con cinco balas nun cargador de seis.
Analizar calquera proxecto require avaliar os seus riscos. É algo absolutamante básico, non? Ben, apliquemos a Altri esa máxima elemental de investimento.
O risco consonte ás augas
A fábrica de Altri demandaría cada día 46.000 metros cúbicos de auga, o equivalente ao consumo doméstico de máis de 350.000 persoas, un volume superior ao da poboación da provincia de Lugo enteira. Esta cantidade inusitada detraeríase do encoro de Portodemouros no curso do río Ulla, o que podería comprometer non só a viabilidade ambiental do ecosistema fluvial, senón tamén o abastecemento humano e agrario de amplas zonas do interior de Galicia.
O risco multiplícase cando consideramos os vertidos contaminantes que a planta emitiría ao Ulla: segundo os datos dispoñibles, as emisións brutas diarias poderían chegar a 60 toneladas de sulfatos, 4,8 toneladas de DQO (demanda química de osíxeno), 1,2 toneladas de DBO (demanda biolóxica de osíxeno), 1,5 toneladas de sólidos en suspensión, 450 kg de nitróxeno e 55,8 kg de fósforo. Estes contaminantes seguirían o curso do río ata a súa desembocadura na Ría de Arousa, afectando a biodiversidade mariña e pondo en risco actividades vitais como a pesca, o marisqueo ou a acuicultura.
«Hai un risco elevado de que as augas do Ulla e da Ría de Arousa superen os límites sostibles de contaminación»
Tal e como sinala o informe do Consello da Cultura Galega elaborado por Horacio García, o caudal mínimo necesario para garantir a dilución destes vertidos sería de 6,1 m³/s. Porén, ao analizar a serie histórica de caudais dos últimos 47 anos, observouse que durante o 45,6% dos días non se alcanzou ese mínimo. No ano máis seco, esa porcentaxe ascendería ao 64,4%. E cómpre lembrar que co avance do quecemento global, é previsible que os vindeiros anos sexan aínda máis secos, incrementando así o risco de que o Ulla non poida asumir tal carga contaminante.
En definitiva, hai un risco elevado de que as augas do Ulla e da Ría de Arousa superen os límites sostibles de contaminación, poñendo en perigo a vida no cauce, degradando irreversiblemente os ecosistemas fluviais e costeiros, e inutilizando as augas para o consumo humano, o uso agrario e o sustento das actividades mariñeiras.
O risco de contaminación ambiental
O impacto sobre a calidade do aire do proxecto Altri supón outro risco salientable que se necesita avaliar. A planta emitiría unha cantidade de partículas e gases contaminantes superior a calquera outra instalación fabril en Galicia. Segundo os datos dispoñibles, as emisións anuais estimadas son:
- 252,5 toneladas de partículas PM10
- 577,8 toneladas de óxidos de xofre (SOx)
- 2180,9 toneladas de óxidos de nitróxeno (NOx)
- 53,2 toneladas de compostos de xofre reducibles (TRS)
- Ademais dunha cantidade non cuantificada de partículas PM2,5, CO2, monóxido de carbono (CO), amoníaco (NH3), compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP), dioxinas, furanos, mercurio, cadmio, zinc, metano e outros contaminantes tóxicos.
Estas cifras multiplican por 5,8 as partículas emitidas por ENCE Pontevedra, por 4 as de NOx e por 28 as de SOx. Entre as partículas, as PM10 e PM2,5 teñen a capacidade de penetrar no sistema respiratorio e causar ou agravar enfermidades como asma, bronquite, enfermidades cardiovasculares e cancro de pulmón. Os NOx e SOx, ademais de ser irritantes, danan cultivos, forman choiva ácida e afectan os ecosistemas forestais e acuáticos. Os TRS son responsables do cheiro desagradable característico das celulosas e posúen efectos tóxicos. Outros compostos como as dioxinas, metais pesados ou HAP son carcinóxenos e bioacumulativos, mesmo en doses pequenas.
A exposición prolongada a estes contaminantes afecta especialmente a persoas vulnerables —nenos, maiores, persoas con enfermidades respiratorias ou cardiovasculares—, reduce a esperanza de vida e pode incrementar a mortalidade prematura. A nivel ecolóxico, danse efectos en cadea sobre a fauna, a calidade dos cultivos, os pastos e, xa que logo, os alimentos.
O risco de agravar a eucaliptización
Galicia produce actualmente arredor de 5,8 millóns de toneladas de eucalipto ao ano, nunhas 420.000 hectáreas segundo o Inventario Forestal Continuo. Isto supón un rendemento medio dunhas 14 toneladas por hectárea e ano. Se a planta de Altri precisa 1,2 millóns de toneladas anuais de madeira na súa primeira fase, a materia prima necesaria equivale á produción de 100.000 hectáreas aproximadas. A iso habería que sumar outra contía similar para unha segunda fase xa anunciada polos promotores. En conxunto, estaríamos a falar dun incremento da superficie eucaliptizada próximo ao 50% respecto da actual.
«Ningún proxecto pode ser considerado serio se non avalía os seus riscos principais»
Os promotores do proxecto aseguran que non sería necesario plantar máis eucaliptos, xa que boa parte da madeira que agora se exporta podería redirixirse á planta de Palas de Rei. Porén, a realidade é máis complexa: aproximadamente 1,1 millóns de toneladas destínanse a Ence en Pontevedra e outras 1,8 millóns de toneladas a Ence en Navia (Asturias), a apenas 20 kilómetros de Ribadeo, mentres que o resto se vende a diversos clientes dos sectores madeireiro e pasteiro, xa for en Galicia, España ou no estranxeiro. Introducir unha nova demanda interna desa magnitude provocaría unha forte presión sobre o mercado, encarecendo os prezos e incentivando novas plantacións de eucalipto, especialmente en comarcas como a da Ulloa onde a densidade actual non é alta.
O resultado sería un avance acelerado do monocultivo forestal, con consecuencias devastadoras: perda de biodiversidade, destrución do mosaico agroforestal tradicional, degradación dos solos, esgotamento de acuíferos e unha maior vulnerabilidade fronte aos incendios forestais. Máis eucalipto en Galicia suporía, en termos ecolóxicos, un golpe de graza ao medio natural galego, agravando todos os problemas ambientais que xa padecemos e hipotecando a sustentabilidade futura do territorio.
O custo dos riscos ambientais
Ningún proxecto pode ser considerado serio se non avalía os seus riscos principais. Para iso, habería que solicitar a unha compañía aseguradora unha estimación da prima para unha póliza que cubra o risco de contaminación das augas, a restrición do abastecemento hídrico, a polución atmosférica e a expansión do eucalipto na comarca. Primeiro calcularían o importe dos danos potenciais e despois a probabilidade de que se produzan. Con eses datos determinarían o custo da cobertura, unha cifra que debería incorporarse ao estudo financeiro do proxecto. ¿Fíxose? Semella que non.
O condicionamento da actividade económica
Ademais da enorme ameaza ambiental que representa o proxecto Altri, supón tamén un freo ao desenvolvemento dunha economía sostible e diversificada en Galicia. No meu artigo «Altri non, Agro si«, destaco que a enerxía e recursos que a Xunta dedica a apoiar esta macrocelulosa deberían empregarse para impulsar un sector agroalimentario baseado en cultivos vexetais, que ten un enorme potencial de crecemento e creación de emprego no rural galego.
Galicia conta con condicións climáticas e edáficas favorables para cultivos como as oliveiras, cereais, froitas, hortalizas e legumes, que poderían abastecer o mercado interno e xerar unha industria transformadora ben potente. Porén, a aposta institucional polo monocultivo de eucalipto e proxectos industriais intensivos en recursos naturais limita estas oportunidades, perpetuando un modelo económico extractivo e pouco sostible propio das economías subdesenvolvidas.
O risco financeiro
Un proxecto empresarial serio, máis da dimensión do que estamos tratando, debe incorporar nos seus cálculos todos os custos que leva asociados, incluídos os derivados do uso de recursos comúns e das externalidades negativas que poida xerar. No caso de Altri, se se incorporasen os custos reais do consumo de auga, do tratamento dos vertidos, da contaminación atmosférica e da perda de biodiversidade, a súa rendibilidade veríase seriamente comprometida.
Como se explicou anteriormente, calquera aseguradora calcularía unha prima elevada para cubrir o risco de contaminación das augas, restrición do abastecemento hídrico, polución do aire e expansión do eucalipto. Eses custos deberían figurar no estudo económico-financeiro do proxecto. ¿Incluíronse? Todo indica que non.
«O proxecto de Altri en Palas de Rei representa unha ameaza significativa para o medio ambiente, a economía e a sociedade galega»
Hai que considerar tamén os custos asociados a posibles interrupcións da actividade: ¿qué pasaría se a planta se ve obrigada a reducir ou parar a súa produción por falta de auga, por incumprimentos ambientais ou por presión reguladora e social? Estes escenarios son perfectamente factibles e aumentarían os custos operativos e os riscos do investimento.
Todo isto probablemente explica por que os promotores solicitan ata 250 millóns de euros en axudas públicas. Se, segundo os seus cálculos, o proxecto crearía 500 empregos directos —dato non verificado e sorprendentemente redondo—, iso suporía unha axuda pública de medio millón de euros por posto de traballo. ¿Pode xustificarse un investimento público desa magnitude por emprego creado? Imaxinen calquera outra iniciativa empresarial que requirise esa proporción de apoio por posto: sería rexeitada de inmediato.
Conclusión
O proxecto de Altri en Palas de Rei representa unha ameaza significativa para o medio ambiente, a economía e a sociedade galega. A súa implantación podería comprometer os recursos hídricos, aumentar a contaminación atmosférica e fomentar a expansión do monocultivo de eucalipto, afectando negativamente á biodiversidade e á sustentabilidade do rural galego. Altri representa un modelo económico extractivo e insostible que pon en risco o futuro do medio natural e do tecido socioeconómico de Galicia. É necesario rexeitar este proxecto e apostar por alternativas que garantan un desenvolvemento equilibrado e respectuoso co noso territorio.