Revitalizar os barrios para revitalizar a cidade

Esta semana está previsto o inicio das obras de urbanización de Xuxán, que convertirán a zona nun barrio con todos os servizos propios dunha cidade

Un hombre camina con su perro por el paseo marítimo de A Coruña. EFE/Cabalar

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

O inicio previsto esta mesma semana das obras de urbanización pendentes en Xuxán suporán un cambio esencial nunha parte da cidade que levaba anos agardando por el. O que ata agora era un polígono pasará a se converter nun barrio, ofrecéndolle aos veciños que alí residen os servizos propios dunha cidade. Onde había solares haberá arborado, mobiliario público, rúas, prazas e parques infantís co mantemento adecuado.

Non é un investimento menor, xa que supón un desembolso de máis de 11 millóns de euros. Máis alá da importante contía, a urbanización de Xuxán, un proxecto complexo, pon de relevo a aposta do executivo de Inés Rey por revitalizar os barrios da cidade e por destinar a eles todos os esforzos municipais, entendendo que a cidade ten que ofrecer servizos que garantan a calidade de vida independentemente da localización.

Xuxán é a proba de que a aposta polos barrios non é só unha idea, é un feito

Xuxán é a proba de que a aposta polos barrios non é só unha idea, é un feito, e os feitos son sempre constatables e mensurables. O Goberno municipal coruñés leva executados ou en execución nos barrios da cidade máis de 38,5 millóns de euros no que vai de mandato, cifra que seguirá a crecer sensiblemente neste ano. Por suposto que a todos nos tería gustado que a cantidade fora maior e mesmo que as melloras chegaran a todas e cada unha das rúas da cidade, mais dentro do necesario realismo orzamentario os resultados ata o momento son máis que aceptables, ademais de inéditos, porque había moitos anos que na Coruña non se investía tanto e dun xeito tan repartido.

Ao longo do 2022 os cidadáns verán a culminación de grandes proxectos de mellora urbana, entre eles as peonalizacións das rúas Compostela e Alcalde Marchesi, proxectos que definen como ten que ser unha cidade segundo a visión do actual executivo, que non é outra que a visión das cidades europeas punteiras en mobilidade e en recuperación de espazos públicos para disfrute dos cidadáns. O obxectivo sigue a ser o mesmo que o establecido por Inés Rey tras a súa toma de posesión no 2019: transformar as rúas e prazas para que pasen de ser un lugar de paso a un sitio no que estar. Paso a paso ese obxectivo se está a lograr en moitos lugares, comprobándose alí onde sucede que os cambios van moito máis alá dunha mellora estética.

A auténtica metamorfose prodúcese noutros ámbitos: no social, facendo da rúa un lugar de encontro, e mesmo no económico co incentivo que supón a reforma para a apertura de novos negocios. As cidades, todas, están sempre en proceso de cambio. O que estamos a conseguir na Coruña é que ese cambio sexa para mellor, cara a unha cidade máis amable e escenario de vivencias positivas, co exemplo claro da recuperación de Méndez Núñez, mais tamén de Xuxán e do resto dos barrios.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp