A Xunta cualifica de “decepcionante” a proposta do Goberno de financiamento autonómico: “Maltrata a Galicia”
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, denuncia que a proposta se presentase "sen un sistema completo e sen cifras detalladas", algo que "dá que pensar sobre a pouca confianza do propio Goberno na bondade do que presenta".
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no pleno de aprobación de teito de gasto para 2025 – XUNTA – Arquivo
Miguel Corgos, conselleiro de Facenda, cualificou a proposta de reforma do sistema de financiamento autonómico presentada polo Ministerio de Facenda de “deficiente, insuficiente e pouco equitativa” e considera que “maltrata a Galicia” ao situala “moi por debaixo da media” en financiamento por habitante.
Tras analizar a documentación remitida polo Goberno central, Corgos criticou a “falta de transparencia” do proceso e denunciou que a proposta se presentase “sen un sistema completo, sen cifras detalladas”, o que, ao seu xuízo, “dá que pensar sobre a pouca confianza do propio Goberno na bondade do que presenta”.
Neste sentido, reprochou que a información facilitada se limite a un documento de “apenas catro follas” para un asunto “de enorme complexidade” e referiuse a unha proposta de “datos inflados”.
Proposta de “datos inflados”
Segundo as estimacións realizadas pola Consellería de Facenda, a proposta implicaría que Galicia só reciba o 2,7%, a pesar de representar arredor do 6% da poboación das comunidades de réxime xeral.
“Unha proposta de datos inflados que non deixan apreciar o alcance de apoio ás políticas de gasto que son competencias das comunidades autónomas, como a sanidade, a dependencia ou a educación. Así, dos 21.000 millóns de euros, apenas son 16.000 o que é novo diñeiro para financiar estes servizos”, subliñou o conselleiro.
En relación coa condonación de débeda, denunciou que os galegos terán que asumir uns 600 millóns de euros adicionais derivados da débeda xerada por outras comunidades autónomas, o que, sumado á proposta do sistema de financiamento, “non pode ser aceptable”.
Por todo iso, o conselleiro avanzou que a Xunta presentará alegacións no próximo Consello de Política Fiscal e Financeira ante este “agravio”. “Non queremos ser máis que ninguén, pero non imos aceptar ser menos que ninguén”, concluíu.