O PSOE arremete contra a Xunta polo «retroceso industrial» de Galicia.
A deputada do PSdeG, Patricia Iglesias, ve "improvisación, propaganda e ausencia de política industrial" por parte da Xunta e aposta por aproveitar o "potencial" de Galicia coas enerxías renovables.
Patricia Iglesias. PSdeG
A voceira de Industria do PSdeG no Parlamento volve á carga contra a Xunta a conta dos datos do sector manufacturero. Patricia Iglesias advertiu de que Galicia “lidera o retroceso industrial” ao pechar outubro cunha caída da produción mentres crece para o conxunto de España, de acordo cos datos que o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou esta semana.
Segundo Iglesias, este resultado é a “consecuencia” dunha década de “improvisación, propaganda e ausencia de política industrial” por parte da Xunta. En contraposición, apunta ao “potencial” de Galicia nas enerxías renovables, que permitiría “alimentar” a industria sostible.
“A Xunta non ten unha estratexia industrial. O único que presenta como proxecto é Altri, e xa sabemos que se trata dun fiasco: un macroproxecto mal deseñado, sen retorno industrial real e incapaz de diversificar nin modernizar o noso tecido produtivo”, criticou Iglesias nun audio remitido aos medios este domingo.
É por iso que considera que esta “non pode ser” a “única” idea ou aposta dun Goberno que “presume de industrial”. Iglesias ve unha “oportunidade real” nas enerxías limpas para reindustrializar e diversificar a economía galega: “O noso potencial renovable é evidente e podería atraer industria verde e emprego cualificado”.
Neste sentido, afeou á Xunta ter “bloqueada” esa oportunidade debido a, no seu modo de ver, a súa “incompetencia” ao non tramitar “ben” os proxectos, non contar con avaliacións “solventes” e “acumular erros”. “Galicia perde tempo e investimentos porque o Goberno de Rueda non garante seguridade xurídica nin planificación ambiental e provoca que iniciativas estratéxicas terminen suspendidas”, engadiu.