Galicia, entre as cinco comunidades con maior consumo per cápita de alimentos.
O consumo de produtos alimentarios alcanzou en Galicia en 2024 os 599 quilos por persoa e o gasto total ascendeu a 1.881 euros per cápita, 133 máis que no conxunto do Estado, segundo o ‘Informe Socioeconómico Anual 2024’ do Eixo Atlántico.
Imaxe: pixabay
En 2024 o consumo total de alimentos e bebidas alcanzou os 30.668 millóns de quilos, un 0,2% menos que o ano anterior, e xerou un gasto de 119.667 millóns, un 2,4% por riba do 2023. Galicia sitúase entre as comunidades entre as cinco comunidades con un consumo per cápita por riba da media estatal de 572 quilos por persoa e ano.
En concreto a comunidade galega ocupa a cuarta posición cun consumo por habitante de 599 quilos, por detrás de Cataluña, con 627, Canarias (648) e Baleares (698), segundo se sinala no Informe Socioeconómico Anual 2024 do Eixo Atlántico sobre abastecemento e seguridade dos alimentos, elaborado por Fernando González Laxe, catedrático emérito de Economía Aplicada da Universidade da Coruña e expresidente da Xunta, e por Arlindo Cunha, catedrático de Economía da Universidade Católica do Porto e exministro de Agricultura no Goberno de Cavaco Silva e das Cidades no Executivo de Durão Barroso.
En canto ao gasto per cápita, Galicia tamén ocupa as primeiras posicións do ranking, en concreto, o quinto lugar, con 1.881 euros por persoa e ano. A primeira posición deste listado é para Euskadi, con 2.067 euros; seguido de Cataluña (2.065), Baleares (2.052), Navarra (1.941). Todos eles superan a cifra media española, onde o gasto por persoa ao ano ascende a 1.786 euros.
“En termos xerais, o consumidor español reduciu o seu consumo en 10,4 quilos o ano pasado, pasando de 690,7 en 2023 a 680,3 en 2024. Con todo, o seu gasto medio aumentou 27 euros con respecto ao ano anterior, situándose actualmente en 2.797,48 euros por persoa e ano. Deste gasto total, o realizado dentro do fogar aumentou 23 euros e o realizado fóra do fogar, 4 euros”.
Os produtos frescos representan “unha parte substancial da dieta española” aumentando o seu consumo un 0,3% “mentres que o de outros alimentos diminuíu un 0,5% en volume”. “A distribución da inxesta de produtos frescos sitúase nun 37,9% en volume e un 40,1% en valor”.
Consumo de produtos pesqueiros
O informe fai unha análise do consumo de produtos pesqueiros e destaca a redución experimentada nos últimos anos debido, entre outras causas, a “os cambios de hábitos, as sucesivas oscilacións nos prezos, a aparición de produtos alternativos, así como as novas preferencias e demandas dos consumidores”.
A pesar diso, España sitúase como un dos países da Unión Europea con maior consumo de peixe, aínda que non todos os produtos pesqueiros mostran a mesma evolución. Neste sentido os produtos frescos, conxelados e o marisco mostran tendencias á baixa; sen embargo, o grupo que agrupa as conservas aumenta a súa cota de consumo.
“En 2024, o sector pesqueiro perdeu intensidade en termos de consumo en comparación co ano anterior (4,9%), unha cifra inferior á diminución rexistrada entre 2023 e 2019 (17,6%). Polo tanto, os seus niveis de consumo per cápita están bastante lonxe dos niveis previos á pandemia”.
A nivel estatal cada cidadán consumiu unha cantidade estimada de 17,99 quilos por persoa en 2024, unha cifra inferior á rexistrada en 2023 (18,56), en 2022 (19,19) e en 2021 (22,72 quilos/ano), que, á súa vez, diminuíran un 8,5% respecto á cantidade inxerida en 2020, ano no que o consumo interno se intensificou significativamente debido ao confinamento tras o estalido da pandemia.

O orzamento destinado nos fogares á compra de produtos pesqueiros en 2024 alcanzou o 11,2%, cifra inferior ao 11,9% de 2022 e o 13,2% do 2021. En canto ao gasto total per cápita ascendeu aos 200 euros, por riba da rexistrada nos dous anos anteriores, unha subida motivada principalmente polo aumento dos prezos medios, que pasaros dos 9,9 euros por quilo en 2022 aos 10,70 en 2023 e os 11,12 euros en 2024.