A patronal de Exlabesa, Cortizo e Extrugasa e Asime solicitan medidas contra a “tormenta perfecta” para o aluminio.

A Asociación Española do Aluminio e a entidade galega de industrias do metal piden modificar o mecanismo europeo denominado CBAM que, advirten, provocará sobrecustos do 10%.

De Izquierda a Derecha_Francisco Quintá, Cruz Casal, Enrique Mallón, Gonzalo de Olabarria y Marina Magán

De esquerda a dereita: Francisco Quintá, Cruz Casal, Enrique Mallón, Gonzalo de Olabarria e Marina Magán. Membros da patronal do aluminio en España e Asime que advirten dos riscos do sector debido á nova regulación europea do arancel climático. Foto: Asime

Tormenta perfecta sobre o aluminio galego e español. A Asociación Española do Aluminio (AEA) e a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) advirten da situación crítica que atravesa a industria do aluminio en España e na comunidade. Denuncian un escenario en Europa marcado pola caída da demanda, o aumento de custos, a volatilidade dos prezos, guerras comerciais e, ademais, novas regulacións que xeran incerteza.

En concreto, como xa levan facendo meses, solicitan deter e modificar o mecanismo europeo de axuste en fronteira de carbono, que está previsto que entre en vigor o próximo 1 de xaneiro e que será “especialmente prexudicial” para o sector en Galicia.

O chamamento lanzárono, desde Santiago, o secretario xeral da AEA, Gonzalo de Olabarria, entidade que representa a máis de 650 empresas do sector, e o seu homólogo de Asime, Enrique Mallón. A rolda de prensa contou tamén coa participación da directora fiscal de Cortizo, Cruz Casal; a responsable financeira de Exlabesa, Marina Magán e o presidente do Grupo Quintá (Extrugasa), Francisco Quintá.

Todos coinciden nunha idea: “a industria galega, a pesar da súa fortaleza, enfróntase a un escenario sen precedentes que esixe respostas inmediatas“.

A crise do CBAM

O mecanismo de axuste en fronteira por carbono, o denominado CBAM, é para estes representantes do sector do aluminio “necesario pero incompleto e especialmente prexudicial para Galicia”. Ao respecto, explican que o prexuízo será “especial en rexións altamente industrializadas e dependentes da importación de metais, como Galicia”.

O CBAM aborda o risco de fuga de carbono que se produce cando, por razón de custos derivados de políticas climáticas, as empresas de determinados sectores ou subsectores industriais trasladan a súa produción a outros países, ou cando as importacións procedentes destes países substitúen a produtos equivalentes que son menos intensivos en termos de emisións de gases de efecto invernadoiro, explica o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

“Instrumento fiscal de recarga”

Na súa comparecencia ante a prensa este martes, o secretario xeral da AEA, Gonzalo de Olabarria, sinalou que, tal e como está deseñado, o mecanismo opera como “un instrumento fiscal” que “recarga cunha taxa os dous terzos de aluminio” que emprega o sector, importado, co “tremendo custo” que iso supón, que, segundo estudos, cifrou en 4.500 millóns de euros, isto é, “arredor do 10% do valor da industria europea, unha auténtica barbaridade”.

Este sobrecusto, avisou, “repercute augas abaixo en todas as cadeas de valor que dependen do aluminio“, polo que, augura, afectará a “infinidade de produtos que están feitos de aluminio”, desde un ascensor a unha bicicleta. “Todo vai verse encarecido por este mecanismo”, lamentou.

Aviso á Comisión Europea

É un mecanismo “complexo” e estas “dificultades” xa foron trasladadas ao Parlamento Europeo e á Comisión Europea, segundo indicou o secretario xeral da AEA. “Temos unha próxima reunión as asociacións española, alemá, italiana, grega, polaca e francesa (os máis importantes do aluminio europeo) para intentar ver se este asunto pode deterse”, indicou.

“A nosa posición, o que estamos pedindo, é que o CBAM se pare para o aluminio, xa que aplica a outros materiais (como o cemento, fertilizantes e aceiro)”, expuxo. “Que a UE faga un estudo detallado dos efectos”, insistiu.

Por parte de Asime, Enrique Mallón coincidiu en reclamar que o mecanismo “se deteña” polos efectos “moi relevantes por non dicir dramáticos” que pode ter en sectores como o naval, a automoción e a industria aeroespacial, entre outros.

Así mesmo, Gonzalo de Olabarría abogou por un CBAM “eficaz e xusto, que protexa realmente á industria europea”. Indicou que “tal como está deseñado, deixa fóra produtos transformados de aluminio como extrusións e perfís, non contempla as emisións indirectas e carece dun sistema robusto de trazabilidade do reciclado“. Esta falta de cobertura, engadiu, “pone en risco a competitividade de moitas empresas galegas que investiron durante anos en tecnoloxía limpa e procesos eficientes”.

Alcoa

A preguntas dos xornalistas sobre a planta de aluminio da Mariña, en Lugo, o representante da asociación española do aluminio subliñou a importancia da “autonomía estratéxica”, toda vez que se o sector español tivese “as toneladas que producía Alcoa” en España “as empresas terían certa tranquilidade”. “Oxalá en España poidamos ter a nosa funcionando”, remarcou.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta