Navantia investirá 3.200 millóns en modernizar as fragatas F-100 e asegura 10 anos de traballo en Ferrol.
O proxecto desenvolverase integramente nos estaleiros galegos e prolongará a vida operativa da serie completa ata o ano 2045.
Botadura dunha das fragatas F-110 en Navantia Ferrol / Navantia
O Consello de Ministros deu luz verde ao programa de modernización das fragatas F-100, da clase Álvaro de Bazán, que permitirá prolongar a vida operativa da serie ata o ano 2045. Esta iniciativa xa estaba contemplada no Plan Industrial e Tecnolóxico para a Seguridade e a Defensa aprobado polo Goberno o pasado mes de abril e requirirá un investimento próximo aos 3.200 millóns.
A execución do proxecto, que terá unha duración de 120 meses (dez anos), levarase a cabo íntegramente no estaleiro da Ría de Ferrol, o mesmo que xa as construíu. Estímase que a modernización das fragatas terá un impacto económico significativo na comarca, cun impacto medio anual de 215 millóns de euros no produto interior bruto (PIB), a xeración de 3.500 empregos, entre directos, indirectos e inducidos.
Construídas entre 2002 e 2012
A intervención nos buques, que se construíron entre 2002 e 2012, busca eliminar as obsolescencias identificadas nos sistemas, actualizar os seus sistemas, así como mellorar a súa eficiencia e operatividade.
Ricardo Domínguez, presidente de Navantia, destacou que esta modernización contribuirá a que España manteña as súas capacidades defensivas “na vangarda tecnolóxica”. “Xunto coas F-110 que se atopan xa en construción, Navantia contribuirá así a dotar a España das mellores capacidades defensivas no mar”, afirmou Domínguez. As fragatas F-100 están deseñadas para operar en escenarios de máxima esixencia, combinando capacidades avanzadas en defensa aérea, antisubmarina e antisuperficie, e actúan como buques insignia e protección integral da flota.