O presidente de Alcoa eleva a inquedanza na refinería de alúmina: “Sofre unha gran presión polos prezos”
Bill Oplinger, CEO a nivel mundial do grupo propietario de San Cibrao, volve a xerar dúbidas sobre a situación da refinería a pesar de que ten o prezo do gas controlado ata 2027 e sentencia que “o problema en España sempre son os prezos da enerxía”.
Planta de alúmina de Alcoa, en San Cibrao. Europa Press / Janet González
Alcoa eleva a inquedanza con respecto á situación da refinería de alúmina en San Cibrao, que se mantén coa produción recortada desde hai anos debido aos custos da planta. O CEO mundial do grupo americano, nunha conferencia sobre metais celebrada este mércores, indicou que a planta lucense está exposta “a unha gran presión” pola caída dos prezos. Preguntado Bill Oplinger sobre a presión a nivel mundial que está sufrindo o negocio da alúmina indicou que a refinería galega, “enfróntase á presión dos baixos prezos”, algo que, engade, “contrarresta parte do bo desempeño da fundición española”, é dicir, da planta de aluminio primario, que culminou con éxito a reactivación de todas as súas cubas. “Con prezos da alúmina entre 3,05 e 3,10 dólares, a refinería española sofre unha gran presión”, resolveu.
Oplinger fai esta afirmación a pesar de indicar que a refinería ten controlada, polo menos ata o próximo ano, a súa exposición aos prezos do gas. “En España, onde a nosa refinería estaría exposta ao gas natural spot cubrimos ese prezo ata 2027, o que nos proporciona certa seguridade”, indicou, a preguntas dos analistas na conferencia.
O executivo lembrou que, tras o recorte de produción, a refinería de alúmina produce arredor de unhas 2.000 toneladas diarias. “Desconectar esa capacidade non tería un gran impacto nas condicións xerais do mercado, pero está a ter dificultades con estes prezos baixos da alúmina”, indicou.
“Temos un acordo ata 2027”
Como veu facendo ultimamente, Oplinger contrapuxo a situación da refinería coa fundición de aluminio primario, impulsada ademais pola subida dos prezos do aluminio debido ao impacto da guerra no Oriente Medio. “Como se poden imaxinar, con estes prezos, estamos a aumentar a produción practicamente en todas as partes do mundo. En España aumentamos a produción”, indica, con respecto á culminación do rearranque das cubas. “Foi un aumento seguro, exitoso, puntual e dentro do orzamento. O cadro fixo un traballo fantástico xestionando a planta e nunca houbo dúbidas sobre a súa capacidade”, comentou, aínda que alertou de que “o problema en España sempre son os prezos da enerxía”.
Así, a pesar de destacar o bo momento da fundición, en canto ao seu futuro, limitouse a lembrar o acordo de viabilidade asinado cos sindicatos, que blinda a planta ata o ano que vén. “Temos un acordo de viabilidade en España que estipula que aumentaríamos a produción e así o fixemos”, dixo. “Estamos a operar ao 100% da nosa capacidade, cun inicio de produción moi sólido. Continuaremos facéndoo ata 2027. Temos un acordo de viabilidade cos sindicatos que garante que operemos a fundición ata 2027”, resolveu.
Oplinger non fixo máis declaracións sobre a folla de ruta do complexo de San Cibrao nin sobre as opcións sobre a mesa. A finais do pasado ano, durante o seu Investor Day, evento pensado para trasladar aos investidores a visión estratéxica do grupo para os próximos anos, o executivo indicou que o ano que vén haberá unha reavaliación da situación de San Cibrao. Exercicio no que, como indicou este mércores, expira o acordo de viabilidade pactado co cadro.
Naquel momento, segundo se indicaba nese documento publicado hai uns meses, plantexarase “continuar operando ou vender a planta de aluminio” no caso de que, como se prevé, sexa rendible. No caso da refinería, as opcións expostas pasan por seguir coa súa operación ou, directamente, o peche.
Está previsto que este venres, 15 de maio, se celebre na Coruña a reunión de seguimento do acordo de viabilidade da planta de Alcoa, á que se sentan tanto Goberno como Xunta, empresa e sindicatos.