Stellantis bate récords de produción en Vigo e Mangualde o ano despois de Carlos Tavares.
A factoría lusa únese á olívica e logra un rexistro histórico con 91.662 unidades fabricadas en 2025; a planta de Vigo ensambla máis vehículos que todo Portugal e compensa a caída de produción na antiga planta de Opel en Zaragoza.
Imaxe de arquivo dun operario na planta de Stellantis en Vigo. Stellantis
As factorías de Stellantis en Galicia e Portugal conseguiron un récord histórico de produción o ano despois da crise que levou por diante a Carlos Tavares e coa que agora lida Antonio Filosa, tentando reflotar os números dun grupo atragoado coa transición ao vehículo eléctrico e golpeado pola caída de vendas nos Estados Unidos. Nese escenario de reorganización interna e de revisión de estratexias, tanto Mangualde como Vigo tiveron un exercicio récord, cada un ao seu nivel, pois a planta olívica ensambla máis vehículos que todo Portugal.
Os vehículos producidos en Balaídos superaron os 550.000, cun crecemento do 7% que lle permitiu superar a marca de 2007, as 547.000 unidades que fixaron o teito da factoría durante case 20 anos. A actividade en Vigo compensou o recorte de produción en Figueruelas (Zaragoza), de onde saíron uns 300.000 vehículos, un 20% menos que en 2024. Alí, en Zaragoza, o grupo automobilístico constrúe a gigafactoría de baterías en alianza con CATL co obxectivo de comezar a producir a finais deste ano.
Os números de Mangualde son máis discretos, cunha produción de 91.662 coches, segundo os datos difundidos pola patronal do sector ACAP. O crecemento foi similar ao de Vigo, cun incremento do 6,6%, e tamén supón un récord para as instalacións. Lonxe da lideranza galega, a planta lusa sitúase a moita distancia de Autoeuropa, a de Volkswagen, que ensamblou 240.400 vehículos, cun crecemento do 2%. O resto de fábricas son de pequeno tamaño, con Toyota e Mitsubishi ensamblando algo máis de 9.000 vehículos.
Entre todas as fábricas lusas inxectaron no mercado 341.361 vehículos lixeiros e pesados en 2025, un incremento do 2,7% respecto a 2024 e o segundo mellor ano da industria do automóbil en Portugal, a 4.000 unidades do récord de 2019.